
O Concello de Nigrán abre en sucesivos prazos desde a vindeira semana o período de matriculación nas actividades deportivas e culturais municipais que arrincarán o 3 de outubro e rematarán o 31 de maio. Neste curso 22/23 mantéñense as mesmas actividades e súmase adestramento funcional e marcha nórdica ante o éxito dos grupos formados co Centro de Saúde Val Miñor. Os prezos e bonificacións tamén seguen igual. Toda a información cos seus horarios a priori previstos e grupos está pendurada na portada da web municipal http://www.nigran.es.
A principal novidade é que, por vez primeira, garántese a continuidade de todos aqueles empadroados matriculados no curso 21/22 que desexen repetir actividade, estas persoas dispoñen dos días 14, 15 e 16 de setembro para renovar a súa matrícula. A continuación, os días 21, 22 e 23 de setembro, poderán inscribirse aqueles veciños que non estean nesta situación (neste caso as prazas irán por rigorosa orde de inscrición). Finalmente, os non empadroados poderán optar a matricularse nas vacantes que quedasen os días 27 e 28 de setembro. En todos os casos o lugar da inscrición será o Auditorio Municipal de 10:00 a 13:00 horas e a praza non quedará formalizada ata que se faga o pagamento que como novidade pode abonarse directamente no concello con tarxeta de crédito, sen necesidade de ir a facer o pago ao banco.
Neste novo curso 2022/2023 o Concello suma á súa oferta deportiva marcha nórdica e adestramento funcional. Ademais, como é habitual, ofrécese taichí, ioga, surf, taekwondo, aerobic-step, actividade física para maiores, actividade física de mantemento, pilates, zumba, tenis, teatro, cerámica, torno, música, pintura e gravado.