Segunda vitoria da tempada para o AD Vincios na Liga de Superdivisión de Tenis de Mesa

FOTO: AD VINCIOS // O AD Vincios TM e o Universidade de Burgos.

O AD Vincios TM logrou esta pasada fin de semana a segunda vitoria da tempada na Liga de Superdivisión de Tenis de Mesa. O equipo gondomareño conta os partidos por trunfos e comparte o liderado do campionato cos galos da competición. Aínda que o obxectivo é a permanencia o club non lle pon límites á súa capacidade de soñar con máis altos cumios.

Neste caso o rival era o Universidade de Burgos e o equipo miñorano aliñou a Moisés Álvarez, o ucraíno Stanislav Chornobaiev e Martín Pintos. Comezou Moisés contra o burgalés Jorge Ausín e, nun disputado encontro, acabou impoñéndose por un axustado 17-15 no quinto e definitivo set. Esta vitoria deu tranquilidade e confianza aos anfitrións. No segundo partido, Chornobaiev enfrontouse ao internacional Francisco Ruíz e, aínda que tivo tanteos axustados, acabou cedendo por 3-0. Con empate no marcador saíu o canterán Martín Pintos que conseguiu vencer a Miguel Núñez por un apertado 3-2. Foi o punto de inflexión do encontro. Logo Moisés, nunha gran actuación, derrotou a Ruíz por 3-0 e, finalmente, Pintos derrotou a Ausín por 3-1 para poñer o resultado final de 4-1 a favor do equipo local.

Con esta vitoria o Vincios TM ten catro puntos e está empatado na cabeza da clasificación a outros catro equipos. O próximo sábado visitará a outro dos invictos: o Cajasur Priego de Córdoba, onde milita Carlos Machado, xogador que ostenta o récord de entorchados a nivel individual en campionatos de España.

Anuncios