Finaliza con éxito o “crowdfunding” para repatriar o Mosaico Romano de Panxón

A Asociación para a Repatriación do Mosaico Romano de Panxón alcanzou con éxito o obxectivo de recadación de fondos de 18.000 euros da súa campaña de “crowdfunding”, grazas a achegas de particulares, tanto do Val Miñor como foráneas. Por tanto, contando cos 40.000 euros comprometidos polo pleno do Concello de Nigrán, xa podería acometerse a compra do mosaico romano de Panxón, a súa repatriación e doazón ao Concello para o desfrute de veciños e visitantes, sendo un ben de gran valor para a oferta cultural e turística do Concello.

Para poder instrumentarse xuridicamente a posta ao dispor dos 40.000 euros e a doazón da peza ao Concello unha vez adquirida, é necesaria a firma dun convenio de colaboración entre o Concello e a Asociación. Esta Asociación puxo ao dispor do Concello, o 27 de outubro de 2021, unha proposta de convenio para tal fin. “Os prazos son perentorios posto que o contrato de reserva do mosaico subscrito con Carlton Hobbs vence o próximo 28 de outubro de 2022, momento no que a peza podería volver ao mercado e ser comprada por calquera terceiro, perdéndose a peza para sempre”, advirten.

“A repatriación do mosaico está por tanto exclusivamente suxeita a data de hoxe á acción do Concello para a implementación da súa xenerosa axuda”, conclúe a Asociación nun comunicado.

O mosaico de Panxón é unha peza arqueolóxica de gran valor histórico. Trátase dun mosaico romano do século III d.C., achado nas proximidades do castro de Panxón (Nigrán) no século XIX e en mans privadas ata a data, pasando por diferentes vicisitudes dunha colección privada na Coruña a unha galería de antigüidades en Nova York, lugar no que se atopa actualmente.

Esta Asociación é unha entidade sen ánimo de lucro cuxo fin é lograr fondos suficientes para a compra e repatriación do mosaico para o seu desfrute público.