Preto de 80 carrilanas baixarán por Camos

Os verdadeiros “autos locos” regresan este luns 15 de agosto a Camos para deixar imaxes delirantes nesta parroquia que se pode considerar o auténtico berce do deporte en Galicia. Concello de Nigrán e Asociación Eixo Tolo ofrecen tras dous anos de parón pola pandemia a XIV Baixada de Carros de Bólas na rúa San Roque con preto de 80 carrilanas inscritas. A principal novidade é que a proba estrea parte do percorrido co obxectivo de gañar en espectacularidade, así, volverán a saír do Torreiro de San Roque pero, en lugar de rematar na Touza, virarán á esquerda na rúa Xuncido (barrio de Balinfra) para afrontar maior desnivel, unha rasante e unha pinza no trazado de 90 grados na propia meta. En total trátase de 1 km de lonxitude cun desnivel do 80%, o que fará que os bólidos “voen” a case 110 km/hora e, no caso dos máis artesanais, a 80 km/hora.

“Como é o caso do Flota como Poidas na Foz do Miñor, a baixada de carros de bólas de Camos é tamén un evento moi divertido pola orixinalidade dos artefactos que participan e ao mesmo tempo tamén moi espectacular polas velocidades que acadan e o propio trazado”, explica o alcalde, Juan González, quen anima a acudir.

En total, unha trintena de carrilanas federadas de todo o norte peninsular participarán na Copa España e outra trintena competirán no Campionato Libre Eixotolo, destinado ás máis artesanais. O campionato arranca ás 10:00 horas cos adestramentos, para continuar xa coa propia competición ata as 14:00 horas, constando de dúas mangas puntuables. Como requirimento imprescindible figura que os rodamentos sexan de aceiro e os carros conten con sistema de freado (ademais de que os participantes leven casco, codeiras e xeonlleiras e, en caso de menores, conten con autorización). Entre outros premios figura, no caso da categoría libre, os máis elaborados (300 €, 150 € e 100 €) e o “Era Visto” para aquel que non chegue a meta por razóns previsibles xa a simple vista. No caso dos federados, a clasificación será por tempos.

Esta proba de carrilanas en Camos foi realizada por vez primeira no 1985, sendo a máis antiga de Galicia da que se teña coñecemento. Entre os seus grandes impulsores está Gerardo Ferreira, participante dende a súa orixe e promotor grazas á Asociación Eixo Tolo. “As carrilanas forman parte da tradición de Camos, cada neno construía o seu carro de bólas e xogabamos con el. Agora facemos este campionato para garantir que non se perda e en dous anos nos gustaría poder acoller o Campionato de Europa”, explica.