O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, despediu na mañá deste venres ao aventureiro e primeiro criador de Galicia de pura raza galega de cabalos garranos, Adrián Martíns, que comezou a súa expedición ‘’Travesía a España para dar visibilidade aos cabalos salvaxes da Serra da Groba e as enfermidades reumatoides”, partindo desde Baiona, concretamente desde o Paseo Ribeira, acompañado de Galo e Grelo, dous dos seus cabalos desta raza autóctona que cabalga salvaxe polos montes de Baiona, por outro xinete, e Luis Piñeiro, cinematrógrafo, que tamén os acompañará para gravar un documental sobre este tipo de cabalos e a superación dunha enfermidade coma a artrite reumatoide que padece Martíns.
“Esta aventura supoñerá a realización de moitos quilómetros entre Baiona e Cádiz. A travesía dividirase en dúas etapas, 450km máis ou menos, de vez ata Salamanca para completar a viaxe no outono, cando o tempo arrefríe, ata Cádiz”, subliñou Martíns. O xinete detallou que se trata “dunha viaxe de aventura, con roupa e tendas de campaña nas mochilas, sen coche escoba, un pouco ‘enxebre’ que é o que tamén caracteriza a este tipo de cabalos. Cabalos moi adaptados a rodar, segundo as súas palabras, que se sentía moi ilusionado coa gravación de toda a vivencia deste viaxe tan especial”. Segundo as súas estimacións chegarán a Salamanca entre o sábado ou o domingo facendo unha media de 40 ou 45 quilómetros o día.
O xinete destacou a colaboración do Concello de Baiona, “na viaxe así como a aposta que dende a administración local se fixo da iniciativa Safari Etolóxico de Garranos e o apoio por dar visibilización a este tipo de cabalos autóctonos”. Adrián Martins e o departamento de Turismo do Concello de Baiona veñen traballando estreitamente na posta en marcha destas iniciativas para dar a coñecer a riqueza da fauna e a flora dos montes de Baiona, así como a súa peculiar beleza. A proposta enviada e formulada por este departamento municipal aos premios “Green Destination 2022 Global Top 100” foi elixida como unha das boas prácticas e exemplo a seguir nos avances do turismo sostible entre os destinos Quality Coast.
O “Safari Etolóxico de Garranos” posto en marcha por Finca Moreiras en colaboración co Concello de Baiona recibiu o recoñecemento durante a feira do turismo ITB, que se celebrou en Berlín fai uns meses.

