Nigrán ofrece o monólogo de Oswaldo Digón “Outra Movida”

O Concello de Nigrán ofrece este xoves 11 de agosto ás 21:00 horas na Praza do Concello o monólogo “Outra Movida” do cómico Oswaldo Digón e como parte do programa da Xunta “Cultura no Camiño”. Trátase dunha recompilación de contos sobre a súa disparatada vida, baseado en feitos reais e aprobado pola comisión de táboas de mareas para piscinas e estanques.

Todas as personaxes que saen nas historias do monólogo deste actor de teatro e monologuista “retranqueiro” teñen o nome cambiado para que os poidades identificar facilmente e, tranquilidade, durante a súa creación ningún ser vivo sufriu ningún dano físico ou moral, incluído o propio autor.

O programa “Cultura no Camiño” continúa o xoves 18 de agosto na Alameda de A Ramallosa con “Le Cirque” de Cayetano Lledó.