Bouzós reprocha a Ferreira a aprobación da licitación do servizo de auga municipal

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Paula Bouzós.

O pasado xoves e cos únicos votos favorables do equipo do goberno, o pleno municipal de Gondomar aprobou o Estudo de Viabilidade Económico-Financieira rexeitando todas as alegacións presentadas polos grupos da oposición. No mesmo punto tamén aprobou o expediente de contratación para o contrato de concesións de abastecemento de auga e saneamento convocando a súa licitación.

O Partido Popular presentou cinco alegacións ao estudo de viabilidade que foron rexeitadas por Paco Ferreira e o seu grupo de goberno con distintos argumentos nas contestacións das mesmas e nos argumentos esgrimidos nas propostas do alcalde para rexeitalas. Por unha banda, pedían que se fixera un estudo para comparar si sería máis vantaxosa a concesión ou que o concello asumise a xestión destes servizos. Tamén fixeron constar que os datos tidos en conta para o estudo de viabilidade estaban desfasados xa que eran do ano 2020, e non tiñan en conta os datos inflacionistas actuais que superan a taxa do 10%. Outra das estimacións que consideraban erróneas era o número de abonados que aumentarían nos vindeiros 25 anos, que o goberno estimaba en 301 novas tomas de abastecemento de auga e 771 novas vivendas conectadas ao saneamento, cantidades que os populares consideran moi inferiores á realidade.

Nas outras dúas alegacións o Partido Popular fixo constar que a proposta resultaría totalmente inviable cando a taxa interna de rendibilidade (TIR) baixe ata 1,75% ou un valor actual neto (VAN) negativo, situación que se está a producir debido a unha desviación importante dos costes de explotación cos datos actuais de inflación que se están rexistrando actualmente. Para rematar fixeron constar que o estudo de viabilidade non estaba asinado por un técnico competente que verificara os datos proporcionados no mesmo.

Nas contestacións ás alegacións o alcalde indicou que non ía facer o estudo comparativo das distintas formas de administración dos servizos de abastecemento de augas e saneamento e recoñeceu que a data do estudo de viabilidade estaba desfasada e que debido a isto a principios do ano 2023 debería producirse un incremento de tarifas unha media do 9%. Tamén fixo uso que a experiencia de servizos similares estimaban correctas as estimacións de novas tomas e vivendas conectadas ao saneamento, pero sen indicar a que experiencia se refería, xa que as contestacións non viñan asinadas por ninguén.

“Consideramos que este procedemento nace mal xa desde o seu comezo, con datos contraditorios, previsións desfasadas e cunhas respostas ás alegacións que non foron asinadas por ningún técnico competente. Estamos falando da concesión duns servizos moi importantes para os veciños, e o alcalde debería escoitar e falar coa oposición xa que aplicar o rodete, como está aplicando, vai traer moitas trabas e problemas no seu desenvolvemento”, argumenta Paula Bouzós, voceira do Partido Popular de Gondomar.

No mesmo debate do pleno, o Partido Popular preguntou ao alcalde por unha nota enviada por Espina e Delfín, concesionaria do servizo de abastecemento de auga, na que advertía da situación de alerta por seca debido a que o abastecemento de auga a Vilaza, onde se estaba producindo un consumo excesivo debido a que non se controlaba o mesmo e que a partir do primeiro de agosto deixaría de facer o control sanitario da auga subministrada aos veciños desta parroquia. O alcalde contestou que xa dera orde de instalar contadores nas tomas de Vilaza e que se ía comezar a cobrar o consumo, sen agardar a que se regularice a situación desa traída nin a municipalización do servizo de abastecemento, recoñecendo que ata o de agora non fixera nada nese sentido desde o ano 2015 que se comprometera a facelo.