O BNG solicita a renuncia de Juan González como presidente da Mancomunidade do Val Miñor

O BNG do Val Miñor vai a presentar un escrito na Mancomunidade de Concellos do Val Miñor (MCVM) a través do membro da Xunta da Mancomunidade e representante do BNG nela, Iago Pereira, solicitando ao seu actual presidente, Juan González, a súa renuncia como tal, “pois iso foi o que fixo de facto cando renunciou a asumir as competencias que lle corresponden en exclusiva como xefe superior de todo o persoal da Mancomunidade no caso de acoso sufrido no seo do GES”, afirman. Os nacionalistas demandan que se non ten intención ou non quere exercer as súas funcións, renuncie ao cargo deixando a outra persoa que si as exerza.

Lembra o BNG que a inacción da Mancomunidade provocou que en abril do ano pasado a Inspección de Traballo e Seguridade Social tipificase como moi grave a actuación da MCVM, “toda vez que tivo un comportamento omisivo respecto da toma de decisións en relación ao coñecemento efectivo que tivo de situacións de tensión laboral, enfrontamento e comportamentos de acoso de dous membros do cadro de persoal da mancomunidade para con gran parte das outras persoas integrantes do mesmo”. Esta acta de infracción derivou nunha sanción de 25.001 euros pagada pola Mancomunidade.

Durante o ano 2021 constituíuse unha Comisión de Investigación de Acoso da Mancomunidade de Concellos do Val Miñor, presidida pola concelleira de Nigrán Marina Vidal, que a principios deste ano 2022 aprobou un informe que considera que a actitude dun dos traballadores do GES “pode ser considerada como unha conduta de ACOSO MORAL e con respecto ao seu comportamento coa traballadora María Rosario Pereira González como unha conduta de ACOSO POR RAZÓN DE SEXO”.

Por esta razón o informe remata propoñendo “ao Presidente da Mancomunidade como xefe de persoal” que inicie as actuacións “para a apertura dun expediente disciplinario” ao traballador referido así como que defina as medidas cautelares necesarias para minimizar os riscos entre os traballadores e traballadoras implicadas. “Propostas que non tomou en consideración o presidente da Mancomunidade, Juan González, xa que o informe nin sequera continuou a tramitación pertinente, paralizando, de feito, todo o procedemento. Por iso o BNG solicitará formalmente a súa renuncia”, conclúe Xavier Rodríguez, Responsable local do BNG en Nigrán.