A oposición de Gondomar solicita un pleno extraordinario para tratar as mocións pendentes

Os grupos da oposición no Concello de Gondomar veñen de solicitar un pleno extraordinario para tratar as mocións que quedaron pendentes no pleno ordinario de xullo. “Pola importancia dos asuntos sería desexable que o Sr. Alcalde axilizara a convocatoria do mesmo o máximo posible sen dilatala pois é potestade súa poder facelo”, sinalan.

A presentación de mocións, rogos e preguntas, por parte dos grupos da oposición, son parte fundamental do xogo democrático á hora de fiscalizar e controlar ao Goberno Municipal, mais tamén é a maneira que teñen unha vez ao mes para presentar iniciativas, abrir debates ou facer propostas que sirvan para mellorar a vida das veciñas e veciños de Gondomar.

No pleno do mes de xullo quedou sen tratar esta parte tan importante do pleno, quedando sen debater, e posiblemente aprobar, asuntos da importancia do Plan da Seca e das medidas relacionadas coa xestión da auga no concello de Gondomar; sobre o funcionamento do Punto Limpo ou, sobre a falta de conserxes nos colexios públicos do concello. “Asuntos que tratados no pleno de setembro poderían perder a eficacia na solución dos mesmos”, conclúen desde os grupos da oposición.

ORDE DO DÍA

1º.-Moción sobre o Plan da Seca e de medidas relacionadas coa xestión da auga no concello de Gondomar.
2º.-Moción sobre comedores escolares e aulas matinais.
3º- Moción Punto Limpo.
4º.- Moción Sanidade no verán.
5º.- Moción conserxes nos colexios públicos.
6º.- Moción contedor biorresiduos.
Rogos e preguntas.