
O Concello de Nigrán colabora a través do seu programa “Música nas Parroquias” coa comisión organizadora das festas do Carme en Praia América para ofrecer a actuación de Cristian “Humor&Flamenco” o sábado 30 de xullo ás 22:30 horas no campo de fútbol de Lourido e ao día seguinte o concerto da Banda de Música do Val Miñor (ás 10:00 horas e tras a Misa Maior).
O espectáculo “Humor&Flamenco” é un puro show de variedades acompañado de música flamenca, baile, transformismo e moito humor. Cristian será o gran protagonista deste espectáculo que conta tamén co ballet “Flamenkeando” capitaneado pola compañía de María Rial. Coma sempre, o vestiario, as perrucas, a bixutería, as caracterizacións espectaculares e o maquillaxe xogarán un papel importantísimo. “Trátase dun show gamberro que racha coas normas e supera o corrente, ademais de eliminar o cabreo, a irritación e o mal humor”, resume o propio Cristian.
O Concello inviste a través de “Música nas Parroquias” máis de 60.000 €, destes cartos, a Deputación de Pontevedra achega 10.000 € a través da Liña 2 do Plan Concellos. A seguinte cita será San Fiz de Nigrán o 1 de agosto, Virxe das Angustias de Nigrán o 21 de agosto, San Roque de Camos o 24 de agosto e, finalmente, Bo Xesús de Priegue o 4 de setembro.
“Iniciamos este programa co Covid-19 para poder manter as verbenas pese á ausencia de comisións organizadoras e apostamos pola súa permanencia para garantir a pervivencia das festas tradicionais de Nigrán porque son días de celebración conxunta e de ledicia en cada parroquia”, resume o alcalde, Juan González.