Baiona reforza a limpeza viaria cunha campaña de decapado

O Concello de Baiona iniciou unha campaña de reforzo da limpeza viaria a través da realización de distintos decapados das beirarrúas, que completan os labores habituais de limpeza viaria. Esta iniciativa, de carácter extraordinario, arrancou a mediados da semana pasada para realizar baldeos nas beirarrúas con equipos de limpeza con auga a presión e outros medios mecánicos.

A semana pasada os labores de limpeza leváronse a cabo no centro histórico da vila e esta semana dáse continuidade co cepillado nas rúas Elduayen, Alférez Barreiro, Ciudad de Vigo ou Marqués de Quintar entre outras. “Imos facer un decapado intensivo de varias zonas do municipio, especialmente en beirarrúas e zonas peonís, e coa axuda de maquinaria especializada na limpeza destas características”, comenta a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Domínguez Roda.

Pola súa banda o Alcalde, Carlos Gómez Prado, destaca que “o obxectivo deste reforzo é combater a acción xerada sobre as beirarrúas para iso realízase unha limpeza en profundidade da sucidade incrustada, graxas, restos de chicles, e sucidade persistente aos procedementos normais de baldeo e varrido”. O equipo utilizado posúe unha impulsión de auga a presión e complétase cun reforzo de produtos desengrasantes.