160 nadadores participarán na primeira proba da terceira edición da Triple Corona Illas Atlánticas

Un total de 160 nadadores, con idades comprendidas entre os 18 e 64 anos de 12 comunidades autónomas, Portugal e Francia participarán o próximo 10 de setembro na primeira proba da terceira edición da Triple Corona Illas Atlánticas 2022-2024, que xa completou a cota de participantes e hai lista de espera para participar. A travesía a nado disputarase entre as illas Cíes e Baiona, con 15 km de percorrido. A saída estará situada na praia de Rodas e a chegada na praia de Ribeira, en Baiona.

Esta mañá tivo lugar a presentación da terceira edición da Triple Corona Illas Atlánticas 2022-2024 na sede do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia en Vigo coa presenza da Directora Xeral de Patrimonio Natural, Belén María do Campo Piñeiro; o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez Díaz; a concelleira de Deportes do Concello de Baiona, Miriam Mar Costas Iriarte; o director do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, José Antonio Fernández-Bouzas; o coordinador institucional de Abanca en Vigo, José Luis Romero Quiroga; a xerente de comunicación de Coca-Cola Europacific Partners na zona Norte, María Troncoso Calvo, e Beatriz Alvariño Díaz del Río, directora da organización da proba.

Tamén asistiron a directora da Editorial Belagua, Edurne Baines, e o director da produtora Arraianos Produccións, Áser Álvarez, entre outros.

Na súa intervención, a directora de Atlantic Extreme Sports, Beatriz Alvariño, destacou a espectacularidade dos tres percorridos da terceira edición, que se disputarán nas tres Rías Baixas galegas: Cíes-Baiona (15 km) en 2022, Sálvora-Ribeira (19 km) en 2023 e Ons-Combarro (23 km) en 2024. Trátase dunha das competicións máis duras de España pola dificultade das correntes e a temperatura da auga en tres rías diferentes.

Ademais, resaltou o gran éxito de participación da primeira proba con 160 nadadores, superando a cifra alcanzada en 2018 cando se celebrou este mesmo percorrido e no que participaron 125, consolidándose como a proba de natación de longa distancia con maior participación en España. Na súa intervención sinalou que o número de mulleres foi incrementándose desde a primeira proba, que se disputou en 2015 entre a illa de Ons e Sanxenxo con 7 mulleres, ata alcanzar as 20 mulleres en 2022.

Así mesmo, Beatriz Alvariño destacou a dureza e a beleza do percorrido da travesía entre as illas Cíes e Baiona, e o amplo dispositivo de seguridade que se despregará tanto en terra como en mar con embarcacións, kaiaks e pádel surf seguindo aos nadadores. A proba estará coordinada polo contramestre do Real Club Náutico de Sanxenxo, Carlos Agra, e contará co apoio da Asociación Búsqueda y Salvamento de Galicia, Monte Real Club de Yates de Baiona, Club Náutico de Canido, Club Marítimo de Panxón, Escola Naval Militar de Marín, Protección Civil do Val Miñor e Vigo, Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, Gardacostas de Galicia e Garda Civil do Mar, entre outros.

“A travesía entre as illas Cíes e Baiona é unha das probas máis espectaculares da Triple Corona Illas Atlánticas, que xa se celebrou en 2026 e 2018. Os participantes pasarán polas tres illas das Cíes, percorrerán un tramo de mar aberto, nadarán polas illas Estelas e á beira da carabela A Pinta ao seu paso á meta situada na praia de Ribeira, en Baiona”, apuntou Beatriz Alvariño.

Tamén destacou que a proba se celebrará no ano que se cumpre o 20 aniversario da declaración oficial do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, unha oportunidade para que os nadadores e os seus acompañantes poidan coñecer máis de preto o arquipélago das Cíes.

Entre os favoritos para gañar a travesía destacan o catalán Sergio Torres, que se impuxo nesta mesma proba en 2018, cun tempo de 3:37:39, e o arteixán, Manuel Regueiro Picallo, terceiro naquela edición cun tempo de 3:39:32. Na categoría feminina, a favorita é a asturiana Patricia Agüera Fernández, segunda clasificada na travesía disputada en 2018, cun tempo de 4:12:38, e segunda clasificada na segunda edición da Triple Corona Illas Atlánticas 2018-2021, tras a biscaíña Andrea de la Hera.

Dos 15 nadadores que completaron as dúas edicións anteriores (2015-2017 e 2018-2021), sumando 57 km en tres anos, repiten dez. Entre eles, está a nadadora vasca Agurtzane Domingo Inhiesta, a única muller que aspira a completar a terceira edición, nesta ocasión na categoría sen neopreno.

O nadador máis novo será o asturiano, Diego Gutiérrez López, de 18 anos, e o máis veterano, o vigués Alejandro Ros Rosillo, con 64 anos.

A terceira edición da Triple Corona Illas Atlánticas 2022-2024 incluirá varias novidades respecto a edicións anteriores como a obrigatoriedade do uso da boia para todos os participantes e a incorporación do sistema de localización por GPS, que permitirá coñecer a posición de cada nadador e o seguimento da proba a través de Internet. Ademais, a organización deixará participar sen neopreno a condición de que o participante presente un currículo deportivo no que demostre ter ampla experiencia en nadar probas de longa distancia sen neopreno.

A primeira das tres probas da terceira edición, de 15 km, terá lugar o 10 de setembro entre as illas Cíes e Baiona con 160 participantes de distintos puntos de España e estranxeiro. A segunda, en 2023, terá como punto de partida a praia do Almacén, na illa de Sálvora, e de chegada, a praia de Coroso, en Ribeira, con 19 km de percorrido. A última, a máis longa con 23 km, arrancará da illa de Ons e terminará en Combarro (Poio), pasando pola illa de Tambo en 2024. En total, os participantes percorrerán a nado 57 km nas tres Rías Baixas galegas.

A Triple Corona Illas Atlánticas. 57km a nado (www.triplecoronaillasatlanticas.com) é unha competición con tres probas de natación de 15, 19 e 23 km de distancia -esta última unha das máis duras de España- que se disputan nas rías de Vigo, Arousa e Pontevedra, entre 2022 e 2024. Cada unha das tres travesías sae dunha illa do Parque Nacional: Cíes, Sálvora e Ons, respectivamente.

Os obxectivos deste reto son poñer en valor a riqueza natural das Illas Atlánticas, promocionar as Rías Baixas e converter este desafío deportivo nunha das probas de natación de referencia en España e Europa. No caso da edición de 2022, a organización fará unha homenaxe á Arribada da carabela A Pinta á praia baionesa de Ribeira con motivo do 530 aniversario da chegada de Martín Alonso Pinzón e os seus tripulantes coa noticia do descubrimento de América en 1493.

Concurso de fotografía para escoller as tres mellores imaxes das Cíes

Paralelamente á travesía entre as illas Cíes e Baiona, está prevista unha serie de actividades como a visita guiada ás Cíes para os familiares e acompañantes dos nadadores, en colaboración co Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Ademais, durante a visita guiada de dúas horas de duración, organizarase un concurso de fotografía, en colaboración co Parque Nacional, a editorial Belagua e a navieira Piratas de Nabia para escoller as tres mellores fotos. O gañador recibirá o libro das Illas Cíes, do fotoperiodista vigués Ricardo Grobas, dous billetes para ir ás Cíes ou Ons e un pack de agasallos da Triple Corona Illas Atlánticas. Tamén se concederán premios ao segundo e terceiro clasificado.

Os participantes do concurso de fotografía poderán enviar ata 5 fotos antes do día 19 de setembro ao correo info@triplecoronaillasatlanticas.com. O xurado, composto polo director do Parque Nacional das Illas Atlánticas, José Antonio Fernández Bouzas, o fotógrafo Ricardo Grobas, a editorial Belagua e a organización, valorará a orixinalidade e a calidade das imaxes e elixirá aquelas tres fotografas que mellor representen ás Cíes.

Limpeza da praia de Rodas: “Mollámonos polo medio ambiente”

Baixo o lema “Mollámonos polo medio ambiente”, a organización poñerá en marcha unha edición máis diversas accións ambientais dirixidas a preservar os valores naturais e culturais das illas que integran o Parque, promover a conservación do medio mariño e concienciar e sensibilizar aos nadadores e visitantes das necesidades de protección do medio ambiente.

Entre as accións que levarán a cabo atópase a limpeza da praia de Rodas, nas illas Cíes, que consistirá na recollida de residuos tras finalizar a visita guiada. Trátase dunha acción ambiental organizada conxuntamente co Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Con esta iniciativa preténdese promover a responsabilidade, conservación e o respecto ao medio ambiente entre as persoas que visiten as illas Cíes, tanto nenos como adultos.

Visita guiada a Baiona

Tamén, dentro das actividades paralelas previstas, celebrarase unha visita guiada a Baiona, en colaboración coas Concellerías de Cultura e Turismo deste Concello, na que os participantes poderán coñecer o centro histórico da vila e a carabela A Pinta.

A proba está organizada por Atlantic Extreme Sports e conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Abanca, Deputación de Pontevedra, Concello de Baiona, M+Q España, Gadis, Head, Móbil Auto Concesionario e Arraianos Produccións. Colaboran o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, Monte Real Club de Yates de Baiona, Escola Naval Militar de Marín, Asociación Búsqueda y Salvamento de Galicia, Club Náutico de Canido, Club Marítimo de Panxón, Gardacostas de Galicia, Bico de Xeado, Iberia, Powerade, Frutas Sol, Parador de Turismo de Baiona, Asociación Vodea, Piratas de Nabia, Edicións Belagua, Adegas Valmiñor, Nordés Kaiak, PescaCíes, Clubnatacion.com, AGAMA, Protección Civil de Vigo e ou Val Miñor e Tupana, entre outros.

Atlantic Extreme Sports é tamén organizadora da proba I Volta a nado Illa de Tambo, que se celebrará o próximo 21 de agosto en Combarro, e coorganiza a exitosa proba de Travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán, que este ano reuniu a preto de 500 participantes en Praia América.