Baiona tramita as solicitudes para participar no programa Xuntos polo Nadal 2023

O Departamento de Servizos Sociais do Concello de Baiona informa que a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, organiza este programa de promoción do envellecemento activo e convivencia, destinado ás persoas maiores que se atopen soas nestas datas, xa sexa por carencia de familiares ou amigos, perda do seu cónxuxe ou por outras circunstancias. O prazo de solicitude está aberto ata o día 8 de decembro. A solicitude deberá ir acompañada da declaración responsable e do informe social polo que para realizar as xestións debe solicitarse cita previa coa traballadora social nos Servizos Sociais do Concello no teléfono 986 385 926.

Esta iniciativa autonómica ofrece o aloxamento en réxime de pensión completa dende o día 24 de decembro ata o día 7 de xaneiro, e no caso de quedar prazas sen adxudicar, valorarase dar media quenda (do 24 de decembro ao 30 de decembro de 2023, ou do 31 de decembro ao 7 de xaneiro de 2024 se así se solicita). A convocatoria de 2023 conta con 270 prazas repartidas entre as dúas residencias de tempo libre coas que conta a Consellería de Política Social e Xuventude. A Residencia de Panxón, situada no concello de Nigrán, na provincia de Pontevedra, con 140 prazas para os solicitantes de A Coruña e Ourense, e a residencia do Carballiño, situada na provincia de Ourense, 130 prazas para os solicitantes de Pontevedra e Lugo.

O programa de actividades é variado e está adaptado aos gustos e aos recursos tanto patrimoniais como culturais da zona. Inclúe propostas como actuacións musicais, sesións de cine, bailes, obradoiros, campionatos de cartas, excursións, sesións de risoterapia e de ximnasia entre outras moitas. As persoas beneficiarias deben cumprir os seguintes requisitos: ter 60 anos cumpridos no momento en que remate o prazo de presentación de solicitudes, estar empadroado nalgún concello galego, vivir só no seu domicilio e ter que pasar só/a as datas do Nadal, valerse por si mesmo e non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio, nin trastornos mentais ou condutuais non compensados que poidan alterar a convivencia durante o transcurso da estadía.

O programa inclúe os seguintes servizos: estancia na residencia durante 15 días (14 noites); aloxamento en habitacións compartidas e manutención en réxime de pensión completa; desprazamento en autobús desde os lugares que se establezan nas localidades que corresponda (Santiago, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Lugo ou Ourense) ata a residencia de tempo libre que se lle adxudique e viceversa; actividades de animación sociocultural. Para máis información poden consultar a páxina web da Consellería de Política Social.