Nova segunda praza para Alberto Meira nun caloroso Sur do Condado

Quinta cita do ano, que significaba o ecuador do certame, en Salvaterra, onde o equipo AMF Motorsport pelexou pola que sería a primeira vitoria do ano, pero que desde o comezo púxose moi costa arriba.

E é que nada máis comezar a especial de Salceda unha laxa de 10 segundos collía desprevidos a Alberto Meira e Avelino Martínez, que sabían o difícil que ía ser recortar distancias, e non en balde cedían algúns segundos máis en toda a primeira sección. A gran clave ía estar ao comezo do segundo bucle onde, de novo en Salceda, Alberto Meira perdía moito tempo, esta vez 32 segundos, debido á rotura da bomba de dirección asistida, unha avaría que afortunadamente arranxaba para os dous tramos restantes, porque coa calor reinante tería sido fisicamente imposible terminar a sección.

Xa sen posibilidade de inquietar ao líder e asentados na segunda praza, o equipo cubría a xornada vespertina da carreira como un mero trámite, para finalizar no banzo intermedio do podio neste Sur do Condado.

Así o declaraba o piloto gondomarense: “Foi un rallye difícil desde o inicio, non logramos atoparnos cómodos e aínda que corremos todo o que soubemos non puidemos co ritmo de Víctor. A rotura da bomba de dirección xa nos deixaba sen ningunha posibilidade de triunfo, aínda así estamos orgullosos de dedicar esta segunda praza aos nosos patrocinadores na cita de casa”.

A próxima parada do Campionato Galego será o Rallye Pazo Tizón o 19 e 20 de agosto, onde Alberto Meira está obrigado a gañar para manter algunha opción de levar o certame absoluto.