Caloroso recibimento á atleta baionesa Ainhoa Repáraz tras o seu exitoso Campionato de Europa

Caloroso recibimento á primeira hora desta tarde no aeroporto vigués de Peinador á atleta da Sociedade Atlética Val Miñor, Ainhoa Repáraz, tras a súa exitosa actuación no europeo Sub-18 de Xerusalén, que finalizou co récord de España Sub-18 dos 100 ml, récord galego absoluto dos 100 ml, así como a consecución da medalla de bronce no relevo 4×100, 200, 300 e 400, quedándose a 2 centésimas do récord de costas da categoría.

A atleta baionesa recibía a calor, agarimo e afecto do seu club, os seus pais, irmáns, compañeiros/as, nais, pais, do presidente do seu club de atletismo, así como da concelleira de Deportes do Concello de Baiona, Miriam Mar Costas Iriarte. Todos os presentes vitorearon, aplaudiron, abrazaron e bicaron á súa “nena”, ante o asombro dos demais usuarios do aeroporto, que mesmo se sumaban con aplausos ao momento, e atmosfera creada. Soamente faltou Óscar Fernández, o seu adestrador, que se atopa na localidade de Santander con outros atletas e noutro campionato, pero coa súa presenza na mente da atleta.

Desde o club, e co seu recentemente estreado presidente á fronte, manifestan que “é unha honra poder recibir desta maneira a unha nena de casa, a unha moza que se formou e creceu connosco, só quédanos transmitirlle o agarimo e o afecto que lle temos, o que logrou Ainhoa, con tan só 16 anos, ten un mérito incrible, e nós, desde o seu club, tentaremos que a cousa non quede aí. Tanto para ela, como para todos os seus compañeiros do club, estamos e estaremos, para axudarlles en todo aquilo que necesiten, tanto a nivel deportivo como persoal. Gran familia na Sociedade Atlética Val Miñor”.