Os participantes do Proxecto Vincúlate desfrutan dunha tarde de Pádel Surf

Houbo un tempo no que se percibía o pádel surf como un deporte extremo, pero o poder da táboa, lonxe de supoñer un perigo, serve agora como terapia, hobby e práctica deportiva para traballar a intelixencia emocional, e conseguir beneficios non só físicos, senón tamén sociais. Así ocorre na Praia Ladeira, onde as persoas participantes no Proxecto “Vincúlate”, nenos, nenas e adolescentes poden entrar ao mar e aproveitar as súas vantaxes.

Co fin de mellorar as habilidades sociais cada neno ou nena foi titorizado e contou coa axuda doutro dos seus compañeiros ou compañeiras de maior idade participantes no proxecto, todo iso baixo a supervisión e indicación dun monitor experto na modalidade de Pádel Surf. Tamén estiveron acompañados polos cans cos que comparten as terapias deste pioneiro proxecto.

“Vincúlate” está posto en marcha polo Concello de Baiona desde o departamento de Servizos Sociais a través do Servizo de educación e apoio familiar municipal, en colaboración cos departamentos de orientación dos distintos centros educativos de Baiona. O seu obxectivo é promover a melloría das distintas funcións e concretamente das sociais, emocionais e cognitivas así como proporcionar pautas saudables de comunicación.

Desde o Concello de Baiona quérese agradecer á empresa Shafire a súa colaboración e aposta por este proxecto, xa que ofreceu ás persoas participantes en Vincúlate a actividade de forma gratuíta.

“Esta modalidade deportiva é perfecta xa que estás no medio natural desenvolvendo unha actividade lúdica e traballando a intelixencia emocional”, subliña o Alcalde, Carlos Gómez Prado. “Estas sesións de pádel surf teñen efectos positivos porque lanzarse ao mar vén moi ben tanto aos pequenos e pequenas como aos adolescentes para interactuar co medio ambiente, o sol, a auga, o salitre e as ondas”. E destaca que “son sesións moi entrañables, que favorece as súas relacións sociais con outras persoas e a súa intelixencia emocional, ademais de ser un momento de desfrute que sorprende ata aos seus propios pais, que serven como indicador dos beneficios desta actividade en todas as persoas participantes do proxecto”, finaliza.