Manifesto Miñor urxe a Ferreira a sacar a concurso público a subministración eléctrica municipal

Dous anos despois Manifesto Miñor volve reiterar a súa proposta. “Se daquela era unha cuestión de legalidade e para protexer á veciñanza dos cortes de luz, agora ademais, é unha cuestión de aforro, pois o Concello como grande consumidor que é, a través dun concurso público pode conseguir condicións vantaxosas nos prezos de subministración co conseguinte aforro ás arcas municipais”, sinala Antonio Araújo.

No Pleno da Corporación Municipal celebrado o 8 de xaneiro de 2020 foi aprobada a moción presentada por este grupo municipal cos votos a favor do PSOE, BNG e C’s e a abstención do PP, que no seu punto único rezaba: “1º.- Coa máxima urxencia, sacar a concurso público a subministración da corrente eléctrica consumida polo Concello de Gondomar, incluíndo nas bases que rexan o prego de condicións do devandito concurso, cláusulas que penalicen o deficiente subministro, tanto para o Concello como para o conxunto da veciñanza de Gondomar”.

“Dado o incumprimento do acordo plenario aprobado no devandito pleno que segue con total vixencia, e a maiores coa présa dun imperativo legal tal como se reflicte nos informes de reparo da Intervención Municipal que obriga inexorablemente a sacar a concurso público a subministración eléctrica ao Concello, agora, por mor da crise enerxética creada por unha especulación indecente que practican os oligopolios eléctricos, o devandito concurso público faise ineludible, a non ser que o Goberno Municipal queira cometer unha irresponsabilidade política sen paragón… ou doutro tipo”, advirte Araújo.

“O aumento desorbitado da facturación no consumo eléctrico municipal que pode acabar o ano cerca do millón de euros. Obviamente, un concurso público pode supoñer un aforro importante ademais de cumprir a legalidade, e mesmo protexer á veciñanza dos cortes e abusos das eléctricas vía penalizacións que se deberían recoller nas bases ou nos pregos de condicións que regulen o devandito concurso público”, conclúe Araújo. Manifesto Miñor propón que o Pleno da Corporación Municipal de Gondomar acorde sacar con urxencia, e previos os trámites que sexan necesarios, o concurso público da subministración eléctrica ao Concello de Gondomar.