Detido por denunciar a subtracción do seu coche despois de sufrir un accidente en Gondomar

A Garda Civil detivo a un veciño de Vigo, que denunciou a subtracción do seu vehículo despois de sufrir un accidente de circulación, cando conducía co carné retirado por perda de puntos.

Os feitos foron investigados por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán ao ter noticia de que esta persoa denunciara na Comisaría da Policía Nacional que lle subtraían a documentación e as chaves do seu vehículo nun local de lecer nocturno de Baiona. As sospeitas xurdiron cando ese mesmo día denuncia a subtracción do coche no Posto de Baiona.

As indagacións realizadas pola Área de Investigación concluíron coa localización do vehículo nun taller mecánico que, segundo púidose pescudar, sufrira un accidente de circulación a madrugada do mesmo día en que se presentaron as denuncias. No interior do vehículo atopábanse chaves e a documentación.

As dilixencias instruídas, non só desmontan a coartada do denunciante, coas súas presuntas denuncias falsas, senón que tamén evidencian que supostamente era el mesmo o que conducía o vehículo cando sufriu o accidente de circulación no Km. 11,100 da estrada AG-57, á altura de Gondomar.

Despois de comprobar que tamén notificara a subtracción á compañía aseguradora, a Garda Civil procedeu á detención desta persoa, de 32 anos de idade, como presunto autor de dous delitos de simulación de delito e outro contra a seguridade viaria por conducir tendo retirado o carné por perda de puntos. Tamén se lle atribúe un delito de estafa por declarar a subtracción á compañía aseguradora coa intención de ser resarcido polo valor do vehículo.

As dilixencias entregáronse no Xulgado de Instrución de Garda de Vigo, onde deberá comparecer cando sexa requirido pola autoridade xudicial.