Maica Larriba alerta de que as ciberestafas continúan a crecer na provincia

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe a celebración da Xunta Provincial de Seguridade na que se analizaron as cifras de delincuencia e infraccións penais rexistradas na provincia durante os últimos dous meses. Acudiron ao encontro os máximos responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en Pontevedra, como son o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, o comisario provincial en funcións, Juan José Díaz, e o comisario xefe de Operacións da Comisaría de Vigo-Redondela, Ramiro García.

A comparativa interanual realizouse tendo en conta os meses de febreiro e marzo de 2019 e non os de 2020 e 2021, xa que estas anualidades foron anómalas debido ao confinamento e outras medidas e restricións derivadas da situación sanitaria.

Tras estudar os datos achegados polos principais mandos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado da provincia, a subdelegada concluíu que “estes son, en liñas xerais, bos. Non obstante, continúa a preocupar o aumento dos ciberdelitos, sobre todo aqueles de pequenas estafas por internet”. Tal e como transmitiron todos os responsables policiais presentes na Xunta, estes delitos continúan a crecer mes a mes, nunha tendencia positiva que parece lonxe de tocar teito e que lastra as cifras xerais de infraccións penais da provincia. Só en febreiro, a nivel provincial o aumento foi superior a 84% e durante o mes de marzo a cifra estímase superior ao 145%. En Vigo, salientou a subdelegada, “este tipo de delitos aglutinan xa o 40% das denuncias diarias recibidas na Comisaría da Policía Nacional”.

Maica Larriba salientou tamén a crecente preocupación dos mandos policiais ante o aumento de episodios de ameazas, coaccións e pequenas lesións que se producen na contorna do lecer nocturno e, mesmo, nas propias comunidades veciñais en rifas entre veciños e veciñas. A nivel provincial, nos últimos dous meses estes delitos rexistraron un crecemento interanual superior ao 50%.

Do mesmo xeito, a subdelegada informou dunha lixeira repunta de en torno ao 10% dos roubos e furtos, sobre todo en vivendas. Pola contra, os roubos con forza en establecementos descenderon máis dun 50 % en toda a provincia.