A Xunta somete a información pública a inclusión de dous exemplares de Nigrán no catálogo de árbores senlleiras

A Xunta de Galicia somete a información pública as solicitudes para ampliar o Catálogo galego de árbores senlleiras coa incorporación de cinco novos exemplares en diferentes puntos da Comunidade. En concreto, trátanse do carballo de Amoexa e do de Santa Cristina, os dous en Antas de Ulla; dun braquiquito (ou árbore botella) e dun castiñeiro, ambos no concello de Nigrán; e da magnolia soulangeana de Tabagón, localizada no municipio do Rosal.

Cómpre lembrar que o fin de solicitar a inclusión dun exemplar ou formación arbórea no catálogo é garantir a súa conservación en atención ás singularidades e características polas que merecen ser preservados e inventariados a través desta ferramenta.

En canto ás dúas árbores en Nigrán, o braquiquito -unha especie natural de Australia e que en España se atopa sobre todo no Levante e en Andalucía- trátase dun exemplar de 12 metros de altura e case 3 metros de perímetro, que destaca pola súa rareza e dimensións e está situado á beira dun cruce de camiños, no lugar de San Pedro; mentres que o castiñeiro de San Pedro da Ramallosa, en pleno itinerario Portugués pola Costa, ten tamén 12 metros de alto e 5 de contorno.

Proceso de participación durante 20 días

Tras a publicación do anuncio no DOG o pasado 23 de marzo, ábrese agora un período de 20 días hábiles para que todos os interesados en participar no proceso de información pública poidan achegar a documentación, observacións ou alegacións que estimen oportunas con relación á inclusión destes cinco elementos no catálogo.

A tal fin, a información relativa a estes expedientes está dispoñible para a súa consulta nas dependencias da Dirección Xeral de Patrimonio Natural en San Lázaro -Santiago de Compostela- e nas xefaturas territoriais de Medio Ambiente en Lugo e Pontevedra, aínda que tamén pode examinarse de forma dixital a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

En todo caso, cómpre precisar que o período de información pública é un trámite preceptivo dentro do procedemento de catalogación ou descatalogación como árbore senlleira de calquera exemplar ou formación, pero non implica nin garante necesariamente que todas as inclusións propostas saian adiante.

Unha ferramenta en constante actualización

O Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.

De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, foi obxecto xa de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a posible incorporación de exemplares con valores salientables, como é o caso da Castiñeira de Ramil.

Na actualidade, forman parte do Catálogo un total de 182 elementos -144 exemplares e 38 formacións arbóreas- pertencentes a 79 especies diferentes e coa seguinte distribución por provincias:

PROVINCIA ÁRBORES FORMACIÓNS TOTAL
A Coruña 42 12 54
Lugo 34 6 39
Ourense 20 6 26
Pontevedra 48 14 62
Total 144 38 182