Nigrán convoca un novo curso oficial de socorrismo para empadroados

O Concello de Nigrán ofrece novamente un curso de socorrismo gratuíto dirixido a veciños desempregados e que outorga o certificado de profesionalidade requirido para traballar nas praias. O elevado custe desta formación e a temporalidade do emprego disuade a moitos particulares de obter a titulación, motivo polo que o Concello ofrece esta acción de xeito público e gratuíto investindo 14.000 € en 10 prazas. O período de inscrición finaliza este venres 11 de marzo a través do Rexistro ou Sede Electrónica, desenvolvéndose a formación do 7 de abril ao 1 de xullo e empregándose a Piscina Mancomunada da Ramallosa como lugar das prácticas.

O compromiso do goberno de Nigrán coa seguridade e calidade asistencial nos areais é máximo e, ante o insuficiente número de socorristas en Galicia cada ano na tempada estival, o Concello de Nigrán volve a tomar a iniciativa para atallar este problema na comarca.

“Trátase dun certificado de profesionalidade moi demandado e cun custe económico alto tendo en conta que o traballo é moi estacional, motivo polo que hai escasos socorristas coa titulación válida para exercer o seu traballo nas praias, unha circunstancia que desde o Concello queremos liquidar ofrecendo este curso gratuitamente”, explica o alcalde, Juan González

Deste xeito, o Concello de Nigrán pretende atallar en boa medida o problema do reducido número de candidatos para traballar nos areais do Val Miñor nos meses de verán. O curso, de 420 horas, desenvolverase ao longo de 36 horas semanais (xoves e venres de 14:00 a 22:00 horas e sábado e domingo de 12:30 a 20:30 con descanso para o almorzo).

Os candidatos deberán cumprir cuns requirimentos obrigatorios como estar empadroados en Nigrán antes do 1/11/21 ou ter como mínimo a ESO e, ademais, afrontarán un proceso de selección que inclúe unha proba específica na piscina o 26 de marzo, ademais dunha baremación de méritos que puntúa aspectos como experiencia profesional previa ou formativa ou ter sido voluntario de Protección Civil; e, finalmente, se someterán a unha entrevista persoal. Todos os requirimentos e información están pendurados na web municipal no apartado de “Taboleiro de Anuncios” en Sede Electrónica.

Neste curso, o alumnado adquirirá os coñecementos necesarios para velar pola seguridade dos usuarios de zonas de baño público en espazos acuáticos naturais, de forma autónoma ou integrado nun equipo de rescate e socorrismo, velando pola seguridade, previndo que se produzan situacións potencialmente perigosas realizando unha vixilancia permanente e eficiente e intervindo de forma eficaz ante un accidente ou situación de emerxencia.

As persoas interesadas en participar, deberán presentar a súa solicitude ata o 11/03/2022, cubrindo unha instancia que estará á súa disposición no Departamento de Emprego de Nigrán ou no Taboleiro de Anuncios da Sede Electrónica do Concello, achegando a totalidade da documentación que se indica en dita solicitude. Aquelas persoas que posúan a acreditación dixital correspondente, tamén poderán inscribirse mediante a propia plataforma da Sede Electrónica municipal.

Para ampliar esta información, pódese contactar co Departamento de Emprego, no 986-365000 (extensión 7) ou formular consultas a través do correo electrónico m.jose.vazquez@nigran.org facendo constar sempre un teléfono de contacto para facilitar a comunicación.