A oposición de Gondomar pide un pleno extraordinario para esixir explicacións sobre diversas obras

O goberno municipal de Gondomar terá que dar explicacións á oposición sobre algunhas obras executadas este ano e nas que atopan irregularidades tanto na súa tramitación como na execución das mesmas.

A voceira do Partido Popular comunica que todos os grupos da oposición no Concello de Gondomar apoiaron a súa iniciativa de solicitar un pleno extraordinario para a creación dunha Comisión Informativa Especial para o Estudo de Obras para o análise e estudio de diversas obras. O escrito asinado por todos os partidos da oposición foi presentado por rexistro no día de onte, polo que o alcalde ten quince días para convocar o pleno. En caso de que non sexa convocado no prazo estipulado será o secretario municipal quen o faga en virtude do establecido legalmente.

Os populares consideran que durante esta lexislatura veñen asistindo á realización de algunhas obras sen respectar o procedemento de contratación establecido legalmente na Lei 9/2017, de 8 de novembro, de contratos do sector público. Argumentan tamén que outras obras non cumpren co establecido nos pregos de contratación ou non son executadas conforme ao proxectado, existindo incluso diferenzas nas partidas que non coinciden co certificado e pagado.

As obras que piden analizar son as diferentes reformas que se veñen facendo na Casa Consistorial nas que se levan investido sobre 200.000 €, na súa maior parte adxudicadas a dedo e sen respectar o procedemento de contratación. Outra das obras é o Parque Lúdico e Canino no que os populares afirman que se pagaron obras que non se executaron. As demais obras sobre as que se pide analizar e estudar na Comisión Informativa Especial para o Estudo de Obras son o Skatepark no parque da Coelleira, as obras na leira Peralba, a reforma do antigo centro de saúde, o aparcamento na rúa Eduardo Iglesias, a Humanización da Praza Rosalía de Castro, o Aparcamento entre as rúas Ánimas e Conde de Gondomar e a Reforma Interior da Praza de Abastos.

No escrito presentado solicitan que se celebren dúas sesións para cada obra das mencionadas, salvo que a propia comisión, de ser necesaria, decida celebrar algunha sesión a maiores, podendo propoñer cada grupo municipal a comparecencia dun técnico particular ou dun técnico da administración que tivera relación coa obra. Ademais piden que sexan citados á comisión, os técnicos que asinaron a recepción das obras e os concelleiros que asinaron a conformidade das facturas presentadas, así como os representantes das empresas que executaron as obras.

“Ante a falta de explicacións do alcalde aos diversos escritos que levamos presentado non nos queda outra que solicitar un pleno extraordinario para a creación dunha comisión que investigue as irregularidades que detectamos en varias obras, e para iso contamos con todos os membros da oposición que asinaron a solicitude”, comenta Paula Bouzós.