
O Concello de Nigrán e a concesionaria de abastecemento Aqualia dan por finalizadas as obras de abastecemento a Parada polo barrio da Carrasca tras realizar na mañá deste venres as primeiras probas de funcionamento cun resultado óptimo. Na vindeira semana se dará traslado a Sanidade para que realice a visita final e autorice definitivamente o subministro de auga, prazo que se estima en 2-3 semanas.
Esta ampliación da rede de abastecemento beneficiará a preto de mil veciños residentes na contorna de Carrasca, Laxe, Tinde ou Igrexa (na parroquia actualmente se fornecen mediante pozos individuais ou traídas comunais). Así, a obra permitiu ampliar a rede mediante a instalación dunha nova condución que conecta a rede existente no parque empresarial Porto do Molle, a través dun bombeo, cun novo depósito de regulación de 500 m3 que foi situado no monte Eiró, e dende onde se dará servizo ás vivendas da zona. Por outra banda, na zona da Carrasca, onde xa estaba instalada a tubaxe de impulsión e de distribución dende hai anos e que carecía de presión suficiente para levar a auga, agora verá o problema arranxado. Deste xeito, a vindeira semana distribuiranse carteis informativos para que os veciños que o desexen realicen na oficina de Aqualia a solicitude para realizar a acometida de auga á súa vivenda.
Esta obra considerada prioritaria para o goberno sufriu diferentes retrasos tras ter que asumir o Concello o custo das obras con cargo ao remanente de Tesourería despois de que a Xunta revogase unilateralmente o convenio no 2015 e en contra de toda a corporación. Posteriormente a Dirección Xeral de Patrimonio esixiu un control arqueolóxico na zona do depósito do monte Eiró que obrigou a paralizar a obra durante meses.
Abastecemento por Nandín (Parada)
Por outro lado, a empresa concesionaria Aqualia emprenderá nos vindeiros días as obras para levar o abastecemento aos barrios de Nandín, Igrexa, A Rúa, Con e A Reboreda (todos en Parada) e que beneficiarán tamén á parroquia de Camos (barrios de O Castelo, A Lama e O Rial e ás vivendas situadas nas inmediacións da PO-332-Rúa dos Pazos) despois de obter o visto bo de Patrimonio. En total, máis de mil veciños se beneficiarán desta actuación que conta cun orzamento de 374.809,48 euros e que será financiada integramente pola empresa concesionaria Aqualia froito dun acordo co Concello. As obras previstas inclúen a súa posta en marcha xunto á instalación dunha nova canalización, un bombeo e un depósito.
“Con estas dúas obras, practicamente a totalidade da parroquia de Parada e parte da de Camos quedarían en disposición de poder ter aceso a abastecemento”, resume o rexedor.