Paula Bouzós critica o asfaltado do camiño da Serra en Vincios e que o alcalde non cumprira a súa promesa

O Concello de Gondomar finalizou o mes pasado as obras de acondicionamento do Camiño da Serra en Vincios e a voceira do Partido Popular critica a súa execución, xa que houbo tramos nos que non se asfaltou todo o sitio dispoñible, o que beneficiaría a todos os usuarios da vía ao ter maior superficie asfaltada. Non entende por que en sitios asfaltouse ata o límite das leiras, aproveitando a cesión que fixeron os veciños, e noutros se deixou máis de un metro de separación cos muros de peche, “como si houbera veciños de primeira e veciños de segunda, quedando ademais un desnivel que pon en risco aos usuarios da vía”.

Paula Bouzós acusa tamén a Paco Ferreira de mentir aos veciños e á corporación municipal, xa que, ante unha moción presentada ao pleno para o arranxo dun camiño nese mesmo barrio, e que foi aprobada por unanimidade, o alcalde afirmou que aproveitando as obras de acondicionamento do camiño principal tamén se ía arrombar o camiño que comunica este barrio co colexio de Vincios.

“Nunha visita feita estes días, e a pesar de que aínda non choveu case nada, o camiño presenta un estado lamentable, sendo imposible transitar polo mesmo. Incluso un veciño nos comentou que en días pasados unha muller de avanzada idade caeu no camiño levando un forte golpe na cabeza, que por sorte non foi moi grave. Os veciños piden que se faga unha actuación para facelo transitable, nada máis”, afirma a voceira do Partido Popular.

Recorda a voceira do Partido Popular que no mes de xuño do ano pasado presentaron unha moción ao pleno sobre o arranxo do camiño que vai dende o barrio da Serra ata o colexio de Vincios, froito das demandas dos veciños e sobre todo polo intransitable que está no inverno, toda vez que por alí van os rapaces ao colexio. Na moción defendida polo concelleiro do PP, Julio Fernández, tamén veciño de Vincios, expúñase que presentaban a moción debido á falta de resposta ás preguntas que o Partido Popular presentara no pleno de abril e solicitaba unha actuación urxente no camiño de cara a facelo transitable. Na pregunta feita no pleno do mes de abril e que non foi contestada ata o mes de xullo indicábase que “En Vincios veciños e pais de alumnos levan máis de un ano reclamando (solicitado por rexistro) o arranxo do camiño de A Serra que vai ao colexio, que no inverno está totalmente intransitable para os cativos que van ao colexio. Ten pensado o goberno municipal arranxar este camiño? En caso afirmativo, cando está previsto executar?”. Nas respostas o alcalde afirmaba que tiña pensado arranxar todos os camiños do concello e que o faría o antes posible.

“Ante esta moción o alcalde afirmou que podíamos estar tranquilos que ese camiño íase arranxar pero non porque o pedía o Partido Popular, senón que porque el e o concelleiro José Manuel Chamorro xa o tiñan previsto. Por desgraza xa non é novidade que o Sr. Ferreira minta á corporación municipal pero o máis grave é que minta e engane aos veciños, que non piden nada máis que o que necesitan. Pídolle ao alcalde que recapacite e que faga unha actuación neste camiño para facelo transitable e non agarde que poida acaecer algo máis grave”, remata dicindo Paula Bouzós.