O GES do Val Miñor, baixo mínimos, pecha 2021 con máis de 2.500 intervencións

A situación na que se atopa o Grupo de Emerxencias Supramunicipal, GES, non pode ser máis precaria. Con tres baixas de longa duración, o persoal de traballadores quedou reducida a nove bombeiros, agora coa sexta onda pegando máis forte que nunca sumaron outras tres e ata a primeira quincena de xaneiro vénse na obrigación que afrontar o seu día a día con media ducia de efectivos, un por quenda, e un traballo reducido a labores de coordinación. A pesar de que están a ultimar o balance de intervencións de 2021, estiman que o volume foi moi similar ao de 2020 con máis de 2.500 intervencións do máis variado tendo en conta que na actualidade atópanse literalmente parados. A rutina actual limítase a atender incidencias telefónicas e unha vez xestionadas pasan os avisos aos seus compañeiros de Vigo, Baixo Miño, Corpos e Forzas de Seguridade ou 112. E é que unha bolsa de traballo inoperativa e sen actualizar desde 2013 impídelles cubrir as baixas.

Aínda que o primeiro que vén á cabeza son operativos relacionados con incendios, o certo é que este tipo de actuacións conforman unha mínima parte do total que non chegan a superar os 150. “Non todo é apagar lumes nin tampouco intervencións en accidentes de tráfico”, explica o coordinador Darío Varela desde as oficinas da sede situada en rúa Paradellas. Abundan tarefas preventivas de limpeza de viarios, por inundacións, incidencias derivadas dos temporais que afectan aos tendidos eléctricos ou roturas de árbores, entre outras. Neste sentido os incendios de 2017 non llo está poñendo fácil ao GES. Cada vez que as condicións climatolóxicas endurécense o seu traballo multiplícase por 10 porque en zonas rurais os piñeiros ou eucaliptos secos aínda se poden contar por centos. “Na última garda que tiven fai seis días levantouse un pouquiño de vento e fomos cortar catro ou cinco árbores. Cando Sabarís ou Gondomar asolágase podemos recibir máis de 200 chamadas nun día”, aclara.

Nos próximos días contan coa incorporación dun dos efectivos que na actualidade está de baixa pero as cousas apenas cambiarán porque para poder operar cun mínimo de seguridade necesitan saír por binomios aínda que o ideal sería por tríos. Tras cumprir un cuarto de século en activo superando varias etapas, denominacións ou sistemas de traballo, o certo é que o GES Val Miñor está a pasar por unha das peores etapas xamais lembradas desde a posta en marcha do corpo e que arrancou cun persoal de 15 persoas.

Unha dinámica reducida a catro camións para un bombeiro

A rutina dos bombeiros do Val Miñor pódese resumir coa frase “unha persoa para catro camións”. Independentemente da súa antigüidade ou o seu estado de conservación, os medios materiais dos que dispón o grupo comarcal superan exponencialmente ás condicións laborais establecidas aínda que polo momento non se teme por peche puntual da sede tal e como ocorreu en outubro. “Cando me preguntan que é o que necesitamos, a miña resposta sempre é a mesma: fainos falta persoal”, incide. Con todo, Darío Varela confía en que a situación mellore en 2022 e está á espera de recibir noticias acerca do novo convenio e das negociacións entre a Xunta e Deputación.

Varela considera que o GES debería de incluírse dentro do Consorcio Provincial de Extinción de Incendios de maneira que toda a infraestrutura estivese coordinada desde unha matriz. “Desta maneira poderíanse mover os medios dunha soa vez e en función das necesidades de cada casuística”, remata.