O PP de Baiona lamenta que o tripartito termine coa tradición do calendario gratuíto do Concello

No seu primeiro ano de lexislatura o tripartito de Baiona comezou a repartir os calendarios tarde, a finais de xaneiro. O ano pasado, ante as queixas dos veciños, improvisaron cun formato pouco práctico e, mostra diso, a finais de ano a maioría deles aínda estaban acumulados en edificios municipais. Este ano xa nin sequera fixéronos.

O PP lamenta que acabasen cunha tradición implantada no Concello durante décadas, que practicamente non supoñía custo algún para as arcas públicas e que contaba con moita aceptación entre os veciños debido a que se repartían gratuitamente 5.000 calendarios a todas as vivendas de Baiona, sempre a finais de ano, para que o día 1 todos os baioneses puidesen contar con, polo menos, un exemplar. Cada anualidade, o deseño estaba centrado nunha temática, o que permitía que as familias chegasen a coleccionalos.

“Pero isto xa é pasado. O actual goberno local, formado por PSdeG, BNG e Nós, terminou dunha plumada con este costume”. Segundo o grupo municipal popular, “como a súa confección supoñía traballar, preferiron non molestarse e non facelo. A este tripartito todo o que sexa traballar dálle preguiza, elimínano sen contemplacións, sen importarlles o máis mínimo o que opinen os veciños”, critican desde o PP.

“Durante máis de dúas décadas os diferentes gobernos locais, independentemente da súa ideoloxía, organizáronse para que os veciños empezasen o ano co calendario nas súas vivendas. Con todo, a falta de compromiso deste trigoberno por todo e por todos queda patente unha vez máis”, apuntan os populares.

Para o principal partido da oposición, isto demostra que “a xestión do Concello, ademais de quedarlles moi grande, é totalmente partidista” e imploran ao alcalde, como máximo responsable, a “poñerse a traballar” e a “organizar o caos” entre os seus concelleiros e nas áreas que dirixen. “Os veciños non se merecen que dilapiden o seu diñeiro da forma en que o levan facendo durante estes máis de dous anos”. “Non só non achegan nada novo a Baiona senón que están a acabar con todo o que había”, claman.