Catro institutos do Val Miñor colaboran nunha rede de medida automática de CO2

Catro institutos do Val Miñor (IES Escolas Proval, IES Val Miñor, IES Primeiro de Marzo e IES Auga da Laxe) colaboran desde hai un ano nunha rede de medida automática de CO2 para mellorar a ventilación das aulas e axudar a reducir os contaxios de COVID-19. A rede conta cun total de 24 medidores conectados por internet que envían datos continuamente a un servidor común. Os medidores deseñáronse no IES Escolas Proval polos profesores e alumnos de electrónica do centro, como parte dun proxecto de innovación científica concedido pola Consellería de Educación. Logo de superar unha fase de probas os medidores fóronse instalando nos centros educativos.

Máis dunha decena de profesores e moitos alumnos dos catro centros encárganse de controlar os medidores e estudar os datos. Os alumnos e profesores poden consultar os datos dos medidores en calquera momento do día dende un ordenador ou móbil a través dun código QR, e pode activarse unha alarma que soa cando se supera o nivel máximo recomendable. Tamén pode consultarse o histórico de datos para facer análises científicos de máis amplitude para estudios sanitarios ou de eficiencia enerxética dos edificios. A información dos medidores está dispoñible na web: http://codos.meteoproval.es.

Con este proxecto os alumnos practican a metodoloxía científica e entenden mellor os mecanismos da ventilación, a súa relación coas enfermidades e a propagación de contaminantes ambientais.

As medicións amosan que as recomendacións oficiais de ventilación funcionan ben e o nivel de CO2 redúcese rapidamente nas aulas, aínda que os resultados varían moito segundo o tamaño da aula, a súa situación e as condicións externas. Unha ventilación excesiva produce baixadas de temperatura que afectan ao confort térmico e á eficiencia enerxética do edificio, e pola contra se a ventilación é pouca aumenta o risco de contaxio e tamén afecta ao rendemento académico do alumnado, como teñen demostrado diversos estudos.

Tamén se fixeron actividades complementarias en común baixo o lema “Covid e medio ambiente”, como un concurso fotográfico online.

O proxecto continuará facendo análises automáticas de datos, mellorando os prototipos con novos sensores que van aparecendo no mercado e outras experiencias nos centros.

Trátase, asemade, dun proxecto en contacto coa contorna socioeconómica, xa que conta coa colaboración da empresa Hermes Smart Control, situada no Porto do Molle, que xa ten creado os seus propios medidores destinados a organismos oficiais, restaurantes e outros negocios.