Finaliza a reconstrución do tramo colapsado do paseo da Foz

As obras de reconstrución do último tramo de 50 metros do paseo da Foz que veu abaixo a finais de 2018 están rematadas e este mesmo martes o percorrido xa estivo aberto ao público. Deste xeito cúmprense os prazos facilitados pola Administración local e que foron facilitados fai algo menos dun mes polo propio alcalde Carlos Gómez. Na mañá de onte non quedaba maquinaria algunha sobre o punto de actuación, fóra dun par de operarios que estaban a ultimar as actuacións con labores de regado do firme aparentemente para favorecer o curado do formigón. A Xefatura Provincial de Costas adxudicou os traballos a Tragsa por 195.171 euros a principios de setembro.

Tal e como anunciou este diario tras coñecer o proxecto definitivo no pasado mes de abril, o percorrido de primeira liña de estuario literalmente pasou á historia. A pesar de que a variación supón un cambio substancial na aparencia do conxunto esta non se anunciou claramente, con todo o retranqueo de catro metros anunciado sobre o terreo polo enxeñeiro do Servizo Provincial de Costas, Antonio Iglesias, dábao a entender entre liñas ao explicar que no seu lugar iría o dique sen comerlle máis espazo ao estuario, e así foi. Todo apunta que ocorrerá o mesmo cos 150 metros restantes de paseo que na actualidade mostra unha deterioración considerable e que a primeira ollada lembra ao estado no que se atopaba o tramo contiguo antes de derrubarse. E é que o problema da construción reside precisamente na falta dun conxunto empedrado sobre o que se sustenta a construción como o recentemente colocado, o que provoca que co paso do tempo e a erosión da auga a estrutura interna se vaia baleirando.

Co remate dos traballos, Baiona poderá por fin dar un carpetazo parcial a unha das súas problemáticas máis enquistadas en obra pública do municipio durante anos, agora queda por diante a tramitación e posterior execución da “Fase 2” do proxecto que abarcaría o espazo restante ata preto da ponte, e que case con toda seguridade saldarase coa eliminación do percorrido máis próximo ao estuario.