O CEIP Souto-Donas de Gondomar recolle o seu premio de Primavera das Letras

Coa ollada máis nova á figura e á obra de Xela Arias, a Real Academia Galega púxolle hoxe o ramo á súa programación das Letras Galegas 2021. A institución acolleu o acto de entrega dos galardóns do concurso Contádenos o voso Día das Letras, convocado ao abeiro do proxecto dixital Primavera das Letras, que recoñeceron as creacións do alumnado dos colexios do Carballal (Marín), Manuel Mallo Mallo (Lugo) e Souto-Donas (Gondomar).

O presidente da institución, Víctor F. Freixanes, e a académica responsable do portal da RAG para os cativos e cativas de infantil e primaria, Fina Casalderrey, recibiron na sede da institución unha representación do profesorado e o alumnado dos colexios gañadores nunha celebración que contou tamén coa participación de Amparo Castaño, Darío Gil Arias e Marcos Arias Castaño, nai, fillo e irmán da escritora, editora e tradutora á que a Real Academia Galega lle dedicou o último Día das Letras Galegas.

Víctor F. Freixanes felicitou o profesorado dos 125 colexios que fixeron desta quinta edición a máis exitosa do concurso polo traballo de divulgación que desenvolve da figura de Xela Arias e da lingua galega entre os cativos e cativas, e agradeceu tamén o apoio da Deputación da Coruña ao proxecto Primavera das Letras. “Un ano máis a festa final da Primavera das Letras ponlle o ramo ás Letras Galegas, que nesta ocasión estiveron dedicadas á poeta, editora, tradutora e profesora Xela Arias. Os centros docentes teñen unha significación moi especial nesta celebración, e moito máis os centros de educación infantil e primaria, nos que se chantan os alicerces da nosa lingua e o primeiro coñecemento da nosa cultura”, salienta o presidente. “Quero darlles os parabéns aos participantes. A todos, aos que resultaron premiados e aos que non, pois a participación é o que máis importa. E quero sobre todo parabenizar os profesores e profesoras que co seu traballo, día a día, fan posibles estas iniciativas e poñen as pedras do edificio da esperanza”, engade.

A familia de Xela Arias agradeceu tamén o papel do profesorado na difusión da figura da protagonista das Letras Galegas 2021 e da lingua galega. “Estamos tremendamente agradecidos non só aos colexios gañadores, senón a todos os participantes nun ano tan complicado coma este”, valorou Darío Gil Arias, que salientou a conexión dos traballos gañadores co gusto de Xela Arias por facer dialogar a poesía coa música ou a pintura. “Moitas grazas por esta mañá preciosa e emocionante”, concluíu Amparo Castaño.

Fina Casalderrey, encargada de conducir o acto, afondou no papel dos mestres e mestras que cada día lles transmiten a lingua aos nenos e nenas. “Queremos agradecervos, a todo o profesorado de Galicia, e hoxe en especial a vós, que nun ano tan difícil fostes referentes, mostrando ao mundo que o entusiasmo derruba valos e move montañas”, díxolles aos profesores e profesoras presentes. “Hai tempo que a RAG reparou no papel esencial do profesorado. O voso labor imprescindible fixo que, en 2016, a Academia puxese a andar este proxecto co que pretendemos estar en contacto permanente con vós e que tanto nos estimula: Primavera das Letras, engadiu.

A académica referiuse ás Letras Galegas 2021 como “un ano especialmente máxico e emotivo” no que “non houbo pandemia que fose capaz de deter as múltiples actividades que agromaron espontáneas, por todos os centros de ensino e por todo o país, para lle render homenaxe a Xela Arias”, contribuíndo a descubrir as distintas facetas da autora. Fina Casalderrey subliñou ademais o papel que desempeñaron nesta descuberta tanto os amigos e amigas da autora homenaxeada, “que á par de Xela recitaron poemas e soñaron cun mundo máis xusto”, como a súa familia máis directa “que tanto nola achegou”.

O videoclip, un clásico para espallar a cultura de forma amena

O CEIP do Carballal, que xa resultara premiado na edición do concurso dedicada a Carlos Casares (2017), mereceu un dos galardóns por unha serie de proxectos baseados no audiovisual. O colexio de Marín dedicoulle un videoclip a Xela Arias protagonizado polo alumnado de 4º e 6º de primaria, Canto sei! A peza comeza cunha dramatización inspirada en Non te amola!, a obra narrativa da protagonista das Letras Galegas 2021 que permanecera inédita ata este ano, e baséase nun poema de Darío a diario, o poemario que a autora publicou sobre a súa experiencia como nai. A coreografía, creada por Lola, alumna de 6º, púxose en escena coa participación masiva do alumnado do centro.

O colexio de Marín estivo representado na sede da RAG por parte do profesorado pola coordinadora da biblioteca, María Jesús Aldao Pampín, e o coordinador do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, Víctor A. Castro Martínez. “Este tipo de traballos, o videoclip baseado nun poema da figura homenaxeada o Día das Letras Galegas, é xa unha tradición no noso centro, e non producimos este tipo de actividades de cara a presentalas a ningún concurso ou certame. Facémolo para espallar a cultura galega dunha forma lúdica e amena”, explican os docentes.

Martina Otero López, Enzo Malaquías Cobos, Breogán Gutiérrez Dopazo e Noemí Portela Lusquiños, de 5º de primaria, foron as alumnas e os alumnos encargados de representar a toda a rapazada do CEIP do Carballal, e mais ao exalumnado implicado nas Letras de Xela Arias, nunha conexión telemática dende o propio centro.

Outra aposta polo audiovisual dende Nadela

O CEIP Manuel Mallo Mallo tamén apostou, entre outras linguaxes, pola audiovisual para celebrar as Letras Galegas 2021. Mentres que os nenos e nenas de menor idade lle deron forma con plastilina ao relato de Non te amola! “Hai un mostro no váter”, noutros cursos graváronse as representacións teatrais de dous contos do mesmo libro, “Carlota quere facerse tendeira” e “Os avós son coma o cine”.

O colexio de Nadela estivo representado na RAG pola directora, María Teresa de Juan Lerma; a coordinadora do EDLG, María Isabel García Sanjurjo; e a secretaria e coordinadora de TIC, Gema Lombó Lombraña; e mais as alumnas e alumnos de 5º e 6º de primaria Moraima Ferreiro García, José López Regueiro, Iria Díaz Calvo e Lois González-Dopeso Fernández. Os catro foron os encargados de presentar un vídeo de resumo de todas as iniciativas do centro arredor da figura e a obra de Xela Arias e expresaron o seu desexo de que haxa “mil primaveras máis para a nosa lingua”.

Por parte do CEIP Souto-Donas, participaron na entrega dos galardóns o mestre Guillerme Rodríguez, coordinador do EDLG; Belén Bernardez Cibeira, secretaria do centro; e André Iglesias Nuñez, Olivia Deltell Pena, Martina Balboa Rodríguez e Inés Rodríguez Expósito, que ofreceron en representación do alumnado un repaso polos traballos sobre Xela Arias desenvolvidos pola rapazada do colexio de Gondomar e o que aprenderon sobre ela. “Foi unha muller comprometida co idioma, coas mulleres, coa natureza, a ecoloxía e o pacifismo, unha defensora das causas xustas. Definiuse a si mesma como inconforme, o que se reflicte na súa obra”, retrataron.

Os nenos e nenas de Gondomar agradeceron ademais a colaboración brindada polo editor Fran Alonso, a Banda da Loba e a Fundación Manuel María para facer realidade os proxectos do CEIP Souto-Donas arredor das Letras de Xela Arias. O alumnado de infantil elaborou un mural en forma de crebacabezas con distintas técnicas artísticas partindo da Xela Arias nena que lle puxo imaxes á primeira edición d’Os soños na gaiola de Manuel María. Os cativos e cativas de primaria crearon debuxos para os versos da autora e a homenaxe completouse cunha biografía audiovisual que contou coa colaboración das partes mencionadas.