O PP de Baiona urxe ao tripartito a podar as árbores

O Partido Popular de Baiona denuncia que o goberno local continúa vivindo na parálise máis absoluta en todas as áreas e a de xardinería é, unha vez máis, mostra diso. “Simplemente basta con dar un paseo polo municipio para comprobar que os labores de poda das árbores continúan sen realizarse, co que iso supón para a limpeza dos viarios e a seguridade das persoas”, apuntan.

Os populares lembran que o Concello ten a obrigación e a responsabilidade de levar a cabo as tarefas de revisión e mantemento da arboleda antes de que a climatoloxía empeore e cheguen as choivas para, entre outros motivos, permitir aos operarios traballar en mellores condicións e evitar que as follas e as ramas poidan causar atascos das reixas e arquetas. Ademais, inciden desde o grupo municipal popular, en que sanear as árbores tamén supón dar seguridade aos veciños para temporais de outono.

Ao PP parécelle “incomprensible” que o tripartito que encabeza o socialista Carlos Gómez “non sexa capaz de executar os labores máis cotiáns do Concello”, canto menos agardan que poñan en marcha proxectos que poidan resultar ambiciosos para Baiona nin a curto nin a medio-longo prazo.