O gondomareño Juan Rodríguez Bas, terceiro premio en videocreación no Xuventude Crea 2021

A Xunta de Galicia entregou esta fin de semana os primeiros premios das finais de Xuventude Crea. En concreto, xa se coñecen os galardoados nas categorías de videocreación e na de videoxogos feitos por mozas e mozas. Ambas entregáronse na xornada de onte durante a celebración do evento Mo_cidade 2021 na Cidade da Cultura.

Na modalidade de videocreación participaron un total de 25 proxectos, dos que dez chegaron á final celebrada en Santiago de Compostela. Finalmente, o primeiro premio foi para Aarón Vilariño Figueiras, de Santiago de Compostela, pola obra Peixe; o segundo, para Vulgaris de Mario Fernández Filloy, do Carballiño; e o terceiro foi compartido entre Juan Rodríguez Bas, de Gondomar, con O principio do movemento e para Alba Rodríguez Villar, de Cedeira, con Quebec delta. Nesta especialidade a duración das obras son dun mínimo de dous minutos e dun máximo de oito e, ademais, trátase dun produto inédito e en galego.

Pola súa banda, nesta segunda edición da categoría de creación de videoxogos foron 6 as creacións que se presentaron, das que 4 chegaron á última fase. O primeiro premio recaeu en Misery, de Hopless Productions, feito por Manuel Silva e Pedro Peteiro, de Oleiros; o segundo foi para Valico, the grim world de Team Valico, feito por Iván Fernández e Luis D.Lobo de Vigo; e o terceiro foi para Underworld de Osfados, por Alba Paz e Alison Dieste, de Cambados.

Cómpre ter en conta que nesta modalidade os proxectos consisten nun prototipo funcional ou xogo completo co aspecto e calidade final. Sos traballos orixinais, inéditos e cos textos en galego, agás a banda sonora que podía estar en calquera lingua.

Cada un destes premios ten unha gratificación económica: o primeiro, de 3.000 euros; o segundo, de 1.500; e o terceiro, de 1.000 euros.

O principio do movemento from Juan Bas on Vimeo.