Novo “dobrete” do gondomareño Ricardo Buba na Copa Galicia de Ciclocrós

Ricardo Buba, líder da Copa Galicia de Ciclocrós.

Despois de dúas semanas de paréntese, a Copa Galicia de Ciclocrós 2021 reactivouse este sábado no Parque do Pasatempo de Betanzos. A terceira xornada do certame autonómico estivo organizado polo Caimanes Betanzos.

Os sub23 encabezaron a proba estrela do programa masculino. Miguel Rodríguez mantivo a súa condición de invicto no certame galego nunha axustada pugna co nigranés Anxo Carril (Coruxo), que se decantou por 8’’ a prol do ponteareán do Supermercados Froiz. Na terceira posición cruzou a liña de meta Fabián Rodríguez, a 51’’ do seu compañeiro de equipo e vencedor.

A categoría júnior do IV CX Cidade de Betanzos tivo como gañador ao gondomareño Ricardo Buba (Coruxo), a 27’’ de Iván Fernández (Rías Baixas). Pechando o podio, Hugo Martínez (Avanza-Porriño), en terceira posición.

A terceira xornada do certame autonómico deixou seis cambios de líderes nos rankings. O cadete Pombo, a elite Barros, o elite Deaño, a máster-30 Martínez, o máster-40 Calvete e o máster-50 Sousa asaltaron o primeiro posto na xeral das súas categorías. Continúan no máis alto das súas táboas a cadete Filgueiras, a júnior Mira, o júnior Buba, a sub23 Carla Fernández (Team Farto-BTC), o sub23 Rodríguez, o máster-30 Sousa, a máster-40 Blanco, a máster-50 Costoya e o máster-60 González

Xa o domingo, disputouse a XX edición do Trofeo de Ciclocross Cidade de Santiago, cuarta xornada da Copa Galicia, na que Ricardo Buba apuntouse de novo o triunfo en júniors sumando os 150 puntos que reciben os gañadores de cada categoría, manténdose líder no ránking. O independente Tomás Mota foi segundo a 21’’ do gondomareño, e Héctor García (Poio-Bike Club) terceiro.

Anxo Carril sufriu varias avarías e quedou na quinta posición da categoría sub23 e sétimo na elite.

Despois desta intensa fin de semana, a Copa Galicia regresará na ponte de Todos os Santos de novo cunha dobre cita na provincia da Coruña. O domingo 31 celébrase o XII Ciclocross Concello de Cambre e o luns, día 1 de novembro, o V Ciclocross Val de Esmelle en Ferrol.

Anxo Carril, segundo en Betanzos.
Ricardo Buba.