“O Val de Miñor precisa un GES á altura das necesidades da comarca”

A comarca do Val de Miñor conta cunha poboación de feito e estable arredor das 50 mil persoas, cifra que se pode duplicar nas tempadas de verán, así como a existencia dunha poboación oscilante de segunda residencia que pasa moitos días ao ano residindo entre nós. A esta circunstancia poboacional hai que engadir dous polígonos industriais, unha importante superficie de monte, dous portos, unha rede viaria moi extensa que lamentablemente provoca un número considerable de accidentes de tránsito ao ano, etc, etc.

“Dende hai moitos anos dende diferentes sectores da sociedade e da política miñorán vimos reclamando un parque de bombeiros para a nosa comarca que integre o actual GES e nos dea o servizo de calidade que precisamos. Pois ben, lonxe de acadar ese obxectivo vemos con preocupación como a desidia do actual goberno mancomunado ten abandonada a xestión do actual GES dándose o paradoxo de que hai máis medios materiais que efectivos para os poder manexar. Parece coma se o GES para o goberno comarcal canto menos “dea a lata” mellor, iso si, son os primeiros aos que acoden cando hai problemas”, sinala Antonio Araújo.

Para Manifesto Miñor, o abandono da responsabilidade de procurar unha xestión racionalizada e eficaz do GES por parte do Goberno da Mancomunidade non é admisible despois de case 25 anos de existencia deste corpo. “Semellante desidia está a provocar que por exemplo, durante este verán o servizo estivera pechado dous fins de semana, pois para cubrir as baixas de efectivos con axilidade e axustadas á legalidade vixente sería necesario contar cunha bolsa de traballo en activo da que poder tirar, cousa que a día de hoxe non é posible por levar a actual varios anos caducada”.

“Por outra banda as promesas feitas polo goberno mancomunado de aumentar os efectivos do GES despois dos gravísimos lumes de hai catro anos onde quedou demostrada a necesidade do mesmo á vista da resposta e do magnífico traballo realizado por este colectivo até a extenuación neses días tan tráxicos, a día de hoxe podemos dicir que foi unha promesa máis sen vontade de ser cumprida, é dicir, vender fume para calar as demandas da sociedade miñorán e dos propios traballadores do GES”, lamenta Araújo.

Dende Manifesto Miñor queren denunciar que “a inactividade irresponsable do Goberno da Mancomunidade pasando do asunto, está a provocar problemas entre os propios membros que compoñen o GES (12 persoas), problemas que teñen que ver coa necesidade dunha mellor coordinación interna; que cada membro do GES desenvolva as súas funcións segundo a categoría recoñecida; cadrantes racionais sen discriminar a ninguén e feitos con consenso; o mesmo que para as designacións dos reforzos cando toquen. Obviamente, insistimos na ampliación do persoal para poder organizar un GES máis útil aínda para a comarca”.

Por último, e á vista das manifestacións feitas públicas polo actual Presidente da Mancomunidade do Val de Miñor, Paco Ferreira, Alcalde de Gondomar, segundo as cales pensa abrir expedientes disciplinarios a dous traballadores do GES, así como impedirlle o acceso ao centro de traballo por estaren de baixa sen a autorización do coordinador do servizo, dende Manifesto Miñor-En Marea lembran a Ferreira “como con idénticas estratexias conseguiu estragar e dividir á Policía Local de Gondomar cuxas consecuencias pagamos os cidadáns”.

Nun escrito remitido á Mancomunidade de Concellos do Val Miñor, Manifesto Miñor solicita:

1º.- Que o Sr. Presidente de quenda da Mancomunidade de Concellos do Val de Miñor proceda con urxencia a convocar unha bolsa de traballo para o GES que permita a contratación inmediata de efectivos para cubrir baixas laborais, vacacións ou, por necesidades do servizo. Os aspirantes deberán ter, entre outras condicións, o carné C en vigor e ser contratados coa categoría profesional de condutor de motobomba (grupo III) co seu correspondente grupo de cotización para poder manexar os vehículos pesados dos que dispón o servizo.

2º.- Abrir un expediente informativo ouvindo a todas as partes implicadas, dende o coordinador do servizo á parte sindical e, obviamente aos traballadores afectados e ameazados publicamente polo Sr. Presidente da Mancomunidade do que se deriven as consecuencias que procedan. Comezando por se desculpar publicamente a propia Presidencia cos devanditos traballadores.

3º.- Proceder á elaboración dun regulamento de réxime interno que defina con claridade as funcións dos persoal do GES, sempre respectando a categoría profesional pola que están contratados. Dito regulamento será consensuado con todos os traballadores que farán as achegas que consideren oportunas.

4º.-Os reforzos para cubrir as quendas baleiras seguirán a orde da lista correspondente sendo decisión do traballador se está disposto ou non a facelos. Para evitar discrecionalidades sen xustificación os reforzos deberán ser supervisados por un responsable externo ao servizo da propia Mancomunidade.

5º-Realización do cuadrante anual de forma cronolóxica en quendas de 24 horas, de tal xeito que en cada quenda sempre haxa un condutor-capataz e ou dous peóns. O peón que supla ao condutor-capataz na ausencia deste será o que exerza a función do mesmo. Deberase ter en conta entre os peóns para a elección do suplente de condutor-capataz o itinerario profesional, antigüidade, así como os procesos selectivos aprobados dentro das administracións como viña sendo ata o ano 2020.

6º.-Implantación dunha metodoloxía de traballo que mellore o funcionamento interno do GES así como a súa capacidade de resposta ante calquera eventualidade, para o cal debe facerse unha avaliación previa de riscos, tanto no centro de traballo coma dos posibles escenarios onde se poidan producir as intervencións, procedimentándoas consonte á LPRL e nas NTC das ferramentas que se usen.

7º.- Que sexa a propia Mancomunidade con medios propios e alleos ao GES quen se encargue da supervisión do servizo mentres non se aprobe o devandito regulamento de réxime interno.