A Xunta mellora pistas forestais en Nigrán para reforzar a anticipación aos incendios

A Consellería do Medio Rural vén de realizar diversas obras preventivas no distrito forestal XVIII Vigo-Baixo Miño, en zonas declaradas de alto risco de rexistrar incendios. Concretamente levouse a cabo a mellora de pistas forestais nos concellos de Fornelos de Montes, O Porriño e Nigrán, por un investimento superior aos 80.000 euros.

Así, en Fornelos de Montes os traballos concentráronse nas parroquias de Ventín, San Vicente de Oitavén e de Fornelos. Cun orzamento de 45.089 euros, executáronse rozas nas marxes das pistas, colocáronse pasos de auga naqueles lugares onde eran necesarios e realizáronse drenaxes, mesmo abrindo unha gabia e botando unha primeira capa de material de machaqueo e unha segunda de saburra natural clasificada.

Por outra banda, nos montes veciñais en man común de Atios -no Porriño- e de Priegue -en Nigrán- leváronse a cabo obras por un importe de 37.268 euros. Consistiron na mellora de pistas forestais colocando pasos de auga e arranxando o firme, así como garantindo o mantemento de faixas auxiliares e acometendo rozas de camiños ocupados por matogueira de diversas alturas e densidades.

Todas estas obras enmárcanse no Plan de prevención de incendios forestais da Consellería do Medio Rural, que no ano 2021 contou cun orzamento de case 30 millóns de euros para actuar en máis de 58.000 hectáreas de territorio e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación. O obxectivo final destas accións preventivas é evitar que o lume se produza, e en caso de producirse, limitar ao máximo a súa propagación e minimizar os danos causados.