A Xunta de Galicia declara a finalización da situación de emerxencia sanitaria

O Consello da Xunta vén de acordar, na súa reunión de onte, a finalización da situación de emerxencia sanitaria, que estaba declarada dende o día 13 de marzo de 2020. Este levantamento prodúcese logo de escoitar aos expertos do Comité Clínico, e tras constatar que xa non é preciso, na situación actual, manter esta declaración, que ao longo deste período permitiu afrontar o perigo da pandemia e contar cos mecanismos necesarios de coordinación e de mobilización de medios e recursos baixo un mando único.

Á vista desta boa evolución epidemiolóxica en Galicia e do avanzado do proceso de vacinación, o Consello da Xunta declara que o vindeiro sábado, día 23 de outubro, ás 00:00 horas, levantarase o estado de emerxencia.

Na actualidade, a incidencia acumulada en Galicia a 7 e 14 días sitúase en 6,55 e 14,29 casos por 100.000 habitantes, respectivamente, fronte aos 23,19 e 43,15 casos por 100.000 habitantes do conxunto de España, sendo ademais a incidencia máis baixa de todas as comunidades autónomas. A porcentaxe de positividade está no 1,01%, e a taxa de ocupación en hospitalización de agudos e críticos, por 100.000 habitantes, está no 0,93 e 0,19, respectivamente, e por debaixo do conxunto do Estado, que está en 3,85 e 0,94 ingresos por 100.000 habitantes, respectivamente.

A fin da emerxencia sanitaria non significa que Galicia quede sen ferramentas no caso de que sexa necesario actuar. A nosa Comunidade Autónoma conta agora cunha Lei específica para xestionar a pandemia, que permite xestionar calquera posible empeoramento ou brote coas máximas garantías e con seguridade xurídica.

Ademais, no Consello da Xunta, acordouse incrementar os aforos ata o 100% en practicamente todos os ámbitos, tanto no interior como no exterior. Tamén na hostalería e no ocio nocturno. Con todo, no ocio nocturno seguirase a esixir o certificado de vacinación, así como nos albergues e, non se descarta que se poida solicitar noutros ámbitos para, deste xeito, facilitar a volta á normalidade coas máximas garantías.

No que atinxe aos horarios, no ámbito de hostelería estenderase o horario de apertura na noite dos venres e dos sábados, ata a 1:30 horas, os restantes días a limitación horaria fíxase ata as 1 horas da madrugada.

Polo que respecta ao ocio nocturno, nas noites do venres e o sábado, os locais poderán estar abertos ata as 4:30 horas e, os restantes días da semana, ata as 4:00 horas. Así mesmo, no caso das discotecas e salas de festa, o seu horario de apertura estenderase ata as 5 horas da mañá, todos os días da semana.

Prudencia e cautela

Cómpre subliñar que será necesario manter as máscaras en espazos pechados e cando non se poida manter unha distancia de metro e medio. En xeral, débese manter a prudencia e a cautela para convivir co virus, que está debilitado pero non erradicado.

O Goberno galego segue a dar pasos cara adiante e, practicamente, Galicia entra nunha situación de normalidade, cando menos de nova normalidade. Ao respecto, non está previsto que se manteña a periodicidade semanal do comité clínico, aínda que seguirá activo o subcomité para poder seguir asesorando na toma de decisións.