A Xunta monitoriza a posible chegada a Galicia da columna de dióxido de xofre procedente do volcán da Palma

A columna de dióxido de xofre (SO2) procedente do volcán Cumbre Vieja na illa da Palma, en Canarias, podería chegar a Galicia ao longo da xornada deste luns, aínda que non está previsto que estas concentracións cheguen á superficie, é dicir, a nivel de dous metros sobre o chan.

Así o indican as predicións do servizo de monitoreo da atmosfera Copernicus (CAMS), que se basea nas observacións realizadas polos satélites para rastrexar a dirección e a concentración na atmosfera da pluma de SO2 emitida pola erupción.

En todo caso, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través da rede de calidade do aire xestionada por MeteoGalicia, monitoriza e rexistra en tempo real os distintos tipos de contaminantes procedentes do volcán —SO2, CO e partículas—.

Deste xeito, en caso de que os niveis de concentración dalgunha destas emisións se incrementaran nalgún momento, podería detectarse de inmediato e, en caso de estimarse necesario, poríase en marcha o protocolo de actuación en situacións excepcionais de contaminación atmosférica.

Nestes momentos, en calquera caso, o departamento meteorolóxico da Xunta subliña que as concentracións dos contaminantes procedentes da erupción volcánica na Palma son absolutamente normais e o persoal responsable da rede de calidade do aire de Galicia permanece atento a calquera posible cambio na situación co fin de comunicala de inmediato.

As predicións de Copernicus tamén apuntan a que, se finalmente Galicia chega a situarse na traxectoria da columna de dióxido de xofre provocada polo volcán, a súa influencia manterase unicamente ata mañá, cando se afastará lonxe da Comunidade.