Solicitan a intervención do alcalde de Nigrán para evitar o desafiuzamento dunha familia

Ante a situación crítica dunha familia que vai ser desafiuzada o próximo luns, Podemos Nigrán, Esquerda Unida, Plataforma de Usuarias Afectadas por S.S. de Nigrán, e a Asociación Rebeldía solicitan ao Alcalde de Nigrán que adopte as medidas necesarias para evitalo.

“Segundo manifestaron as vítimas do desafiuzamento, o Concello de Nigrán unicamente facilitou axudas por valor de 900 euros, sen embargo, segundo bases específicas que rexerán a concesión de axudas á inserción social e para emerxencias sociais, en supostos de excepcional gravidade, a concelleira delegada competente en materia de servizos sociais poderá propoñer incrementar o numero de axudas para atender convenientemente a necesidade sobrevida, sempre que estea debidamente xustificado e avaliado nun informe da traballadora social, polo que instamos ao alcalde a que ordene á concelleira delegada en Servizos Sociais, a que se aumenten o número de axudas neste caso, polo menos, até que reciban o RISGA que actualmente está en tramitación”, apuntan desde a Plataforma de Usuarias Afectadas por S.S. de Nigrán.

Antía Fernández, voceira de Rebeldía, puntualiza que segundo a familia afectada, esta non foi informada por parte do departamento de Servizos Sociais de Nigrán das medidas de protección ás que teñen dereito fronte un desafiuzamento, nin se emitiu un informe de vulnerabilidade que permitise frealo.

Desde o ano 2017 existe en Nigrán unha vivenda de integración social e o actual Alcalde de Nigrán declarou no seu día que “a vivenda é un dereito básico das persoas que contribúe á súa integración social, polo que é moi importante que Nigrán conte con esta casa para poder dedicala a casos de emerxencia”. “Este é un caso claro de emerxencia, polo que se non aumenta as axudas de emerxencia social ou se encontra unha alternativa habitacional, é o momento de empregar esta vivenda temporalmente para este destino”, sinala José Cuevas, voceiro de Esquerda Unida.

Lucía Chamorro, integrante do Consello Coordinar Provincial de Podemos, lamenta a situación de desinformación que presumiblemente se segue a dar no departamento de Benestar Social do Concello de Nigrán, e que novamente usuarios/as manifesten que se ven prexudicados pola dinámica deste servizo, tamén quere transmitir á cidadanía que desde a formación morada e Esquerda Unida, de seguir dándose estas circunstancias, farán todo o posible para que as condicións muden.