En marcha as obras de reparación do paseo de A Foz

As máquinas xa traballan na zona do paseo de A Foz, en Sabarís, que no ano 2018 sufriu un derrubamento e que será obxecto da primeira fase de recuperación desta avenida. A zona colapsada apenas se aprecia, no seu lugar unha rampla comunica o paseo coa marisma. O prazo previsto para a execución da obra, adxudicada a Tragsa por 195.000 euros, é de 3 meses.

O pasado 23 de febreiro procedíase á aprobación técnica deste proxecto que permitirá restituír os 50 metros do paseo derrubados hai tres anos. Con esta intervención poderase substituír o muro actual por un manto de escollera similar ao existente no resto do trazado do paseo cara ao suroeste. Ademais, procederase a retranquear aproximadamente 4 metros o tramo afectado, de xeito que o pé da escollera non ocupe máis superficie de marisma que o actual muro.

A reparación formúlase como unha primeira fase da reconstrución posterior do resto do paseo coa mesma tipoloxía de talud de escollera, razón pola cal no extremo oeste da reparación –no punto no que enlaza co muro existente- executarase unha escollera provisional que conteña lateralmente o valo de xeito temporal, ata que se proceda á reparación do resto da avenida.