Nigrán abre o prazo de inscrición para o roteiro polo Esteiro do Miñor

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // A Foz do Miñor.

O Concello de Nigrán arranca este mércores 7 de xullo cos seus roteiros guiados encadrados na programación de verán “Nigrán, equilibrio natural”. Este primeiro será polo Esteiro do río Miñor con saída ás 10:00 horas desde a Alameda de San Campio (A Ramallosa). Como en todos os que se realicen, o aforo é limitado e os interesados deben anotarse previamente no mail oficinaturismo@nigran.org indicando os datos dos participantes (nome, apelidos e teléfono), sendo este martes ás 14:00 horas a data límite para inscribirse.

O Concello de Nigrán ofrecerá diferentes roteiros todos os mércores de xullo en horario matinal e vespertino alternativamente cada semana. “A pandemia axudounos a descentralizar as opcións de ocio e a mirar cara os nosos marabillosos carreiros naturais do interior e da costa”, sinala o rexedor, Juan González, en referencia a esta programación específica estreada con éxito o ano pasado.