Podemos Gondomar mostra todo o seu apoio á Plataforma de Afectados polo Polígono de Garrida-A Pasaxe

A agrupación local de Podemos en Gondomar quere mostrar todo o seu apoio á Plataforma de Afectados polo Polígono de Garrida-A Pasaxe ante as declaracións vertidas polo Alcalde, Francisco Ferreira, nas que ameaza con tomar accións legais contra esta.

A formación morada pon de manifesto que a información dada pola plataforma só incide no que se recolle na sentenza xudicial emitida o 31 de agosto polo Xulgado Contencioso Administrativo número 2 de Vigo, que declara nulo o acordo aprobado en sesión plenaria o 5 de novembro do 2020 para acometer as obras en dito polígono.

Dita sentenza considera que a aprobación plenaria non se axustaba a dereito ao tramitarse o proxecto como un proxecto de obra e non un proxecto de urbanización, onde para o primeiro a tramitación, aprobación e execución se rexe pola lexislación de réxime local e para o segundo se tería que recorrer á lexislación urbanística.

“O Alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, debe cumprir co recollido na sentenza, paralizar as obras, volver a presentar o proxecto como de urbanización coas modificacións que sexan precisas, a pertinente exposición pública do mesmo e a avaliación ambiental simplificada que se require, e deixar de atrasar o proxecto pola súa mala xestión”, apuntan dende o Círculo de Podemos na vila.

Tamén queren expresar que non entenden a última petición feita polo BNG na que solicitan a comparecencia do Alcalde para dar explicacións sobre este tema, xa que o proxecto aprobouse unanimemente en sesión plenaria, polo que os e as concelleiras da oposición coñecían perfectamente o expediente e como se presentou dito proxecto.

“Isto pon de manifesto que dende o BNG e as outras formacións que compoñen a corporación, coñecían perfectamente o expediente e a ampliación que se vén dando de dito polígono totalmente anómala e non conforme a dereito ao estar a facerse en chan rústico, co que á hora de votar en sesión plenaria o proxecto de obra, e non de urbanización como tiña que haberse feito, de existir responsabilidade xurídica, esta é compartida plenamente polas forzas políticas que votaron a favor de dito proxecto”, sinalan finalmente dende a agrupación morada.