Lidl abre a súa primeira tenda no Val Miñor tras investir 4,7M€ e crear 23 novos empregos

A apertura este xoves da tenda de Lidl na rúa As Pontes de Nigrán, xunto ao Centro de Negocios e a gasolineira, supoñerá a primeira incursión da cadea na comarca de O Val Miñor.

O novo establecemento, no que traballarán unha vintena de persoas, daralle resposta á demanda de localidades como Baiona ou Gondomar, ademais do propio concello de Nigrán. Está situado nunha parcela de 4.790 metros cadrados, dos que a superficie de vendas ocupa uns 1.400 metros cadrados, con dúas plantas e unha altura total de sete metros. En total, a cadea mobilizou un investimento de 4,7 millóns de euros para a construción e o equipamento, actuacións que lles adxudicaron a empresas galegas, como a construtora pontevedresa CHS ou a enxeñería coruñesa COTECNO.

Neste senso, a firma continúa a súa estratexia habitual tanto de apoio a provedores de proximidade como de compromiso medioambiental, xa que este punto de venda conta con plataforma fotovoltaica e iluminación LED, o que a converte nunha tenda ecosostible grazas tamén aos paneis solares instalados ao longo dunha extensión de 1.000 metros cadrados.

Con motivo da súa posta en funcionamento, o establecemento ofertará unha degustación gratuíta de produtos rexionais aos seus primeiros clientes, que poderán acudir no horario habitual (luns a sábado de 9 a 21.30 horas) e facer uso das súas 80 prazas de estacionamento. Como xa é habitual, o alimento galego terá un papel protagonista nos lineais de Nigrán, cos queixos rexionais, o leite fresco e a cervexa Estrella Galicia como algúns dos principais alicientes de proximidade.

Ambicioso plan en Galicia

Con esta apertura, a marca eleva a 34 as súas tendas en Galicia, comunidade na que sobresae de modo notable a provincia pontevedresa ao concentrar practicamente a metade. De feito, os últimos tres investimentos de grande envergadura da marca focalizáronse no suroeste da comunidade, tras destinar 2,1 millóns de euros a modernizar a súa tenda de A Guarda; tras a apertura do supermercado máis grande da marca en Jacinto Benavente (Vigo), á que destinou 4,6 millóns de euros; e, agora, esta intervención no polígono de Porto do Molle.

O reforzo na provincia de Pontevedra prolongarase máis aló da apertura de Nigrán, xa que a previsión é que o trixésimo quinto establecemento de Lidl na comunidade será o de A Estrada. A estratexia de novas aperturas, á que tamén se incorporará A Coruña, está apoiada tamén pola modernización, renovación e ampliación dos puntos de venda actualmente en funcionamento, como avalan as obras contempladas en Santiago de Compostela (tenda de Costa Vella) e en Pontevedra (establecemento da Avenida de Vigo).

Colaboración institucional

O Xerente de Vendas da marca en Galicia, Borja Franco, agradeceu esta mañá a “plena colaboración e a axilidade nos procesos administrativos” do Consorcio da Zona Franca de Vigo e do Concello de Nigrán, cuxos máximos representantes participaron nunha visita á tenda na xornada previa á súa apertura ao público. En concreto, Borja Franco sinalou que “igual que unha vintena de persoas atoparon un aliado en Lidl para ter unha oportunidade de traballo, tamén Lidl tivo un aliado en ambas institucións”.

Así mesmo, Franco reivindicou o decidido apoio de Lidl ao desenvolvemento económico e á dinamización do sector primario e do mercado laboral galego, “unha realidade incuestionable”. “Os máis de 1.000 millóns de euros destinados a produtores de Galicia nos últimos catro anos ou os 2.800 postos que xeramos só na provincia de Pontevedra entre emprego directo, indirecto e inducido son un termómetro perfecto da nosa alianza coa comunidade”, subliñou.

Pola súa banda, o delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, destacou «a aposta polo emprego cunha vintena de novos postos de traballo» nesta empresa que se instala en Porto do Molle, un parque do Consorcio «que é un enclave tecnolóxico, baseado nun concepto de parque sostible e onde xa hai máis de 120 empresas instaladas». Lembrou David Regades que Zona Franca ten en marcha «un novo investimento de 6,3 millóns de euros na construción de 14 novas naves para empresas» en Porto do Molle.

Mentres, o alcalde de Nigrán, Juan González, sinalou que “o proxecto de Lidl afianza Porto do Molle como o gran parque empresarial de toda a área metropolitana, porque estamos a falar dunha firma de referencia no sector. A súa presenza non só conleva xerar postos de traballo, senón que xera máis recursos económicos para o Concello de Nigrán, que segue contando con este Polígono Terciario como o seu gran activo”.