Baiona inicia a próxima semana as obras de mellora no barrio da Percibilleira

O Concello de Baiona inicia a próxima semana os traballos de renovación das tubaxes de saneamento, auga potable e recollida de pluviais do barrio da Percibilleira. Tamén se levarán a cabo traballos de renovación do asfaltado de toda a zona. Un proxecto cun investimento de 186.184,55 euros con cargo ao Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.

Entre as actuacións proxectadas atópase a execución da mellora da rede de saneamento na zona da Percibilleira, a rede estaba en moi mal estado polo que se vai a acometer unha execución integral do servizo. As novas conducións teñen por obxecto a recollida de augas residuais e pluviais no ámbito así como permitir a recepción de augas de augas arriba. Substituiranse as redes na rúa Fontiñas así como na rúa Percibilleira, nos tramos que na actualidade están de formigón.

Doutra banda, tamén se repoñerá a rede de abastecemento debido á execución de novas canalizacións. Prevese a instalación de tubaxes de Politileno de alta densidade de 10 atm de presión en todo o ámbito. Así mesmo, instalaranse válvulas de comporta en arquetas que permitan a sectorización do ámbito, así como a reposición das acometidas. Instalaranse ademais tres hidrantes contra incendios nas arquetas en diferentes puntos do ámbito de actuación.

Desta forma, a entidade local mellorará o abastecemento do barrio da Percibilleira. Os traballos complétanse coa renovación do asfaltado incluíndo a subida de reixas e sumidoiros que estaban a dar moitos problemas na zona. Prevese un prazo de execución de tres meses. En concreto, as actuacións realizaranse desde o Camiño Rolán ata o cruzamento co Camiño Fontiñas. E desde este punto ata o viario que dá acceso á rúa Uruguai na zona dos Tendais.

“O ámbito de actuación supón unha superficie de case 3.000 m². Na actualidade, existen redes de servizos de todos os tipos, algunhas delas en aéreo. O pavimento atópase fisurado, descarnado e con síntomas de desintegración superficial, o que fai necesario acometer unha actuación importante na zona que restableza as condicións de seguridade e comodidade para os veciños e veciñas”, destaca o Alcalde, Carlos Gómez Prado.

Cortes de Tráfico

En canto ao corte tráfico na zona, a primeira semana farase efectivo o corte na intersección formada co Camiño Fontiñas ata o viario que dá acceso á Rúa Uruguai, zona dos Tendais, habilitándose como sentido único de circulación (contrario á circulación actual) o viario de dirección cara á EP-2202, subida á Virxe da Rocha. Haberá sinalización informativa nos viarios adxacentes permitindo o paso aos residentes e autorizados.

A partir da segunda semana ata fin de obra, á parte do comentado anteriormente, súmase o viario que permanecerá pechado ao tráfico desde a intersección formada co Camiño do Carreiro ata a intersección formada co Camiño San Damián. Haberá sinalización informativa nos viarios adxacentes permitindo o paso aos residentes e autorizados.

Plan de melloras

O Alcalde considera prioritario ir mellorando e dotando de proxectos como este aos diferentes barrios do municipio que ata o de agora estaban esquecidos. Con este obxectivo decidiuse investir a maioría do montante do capítulo de investimentos recollidos nos Orzamentos deste ano 2021. A gran parte do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, dedicouse á mellora dos barrios. Exemplo diso é o primeiro proxecto de reforma tras 70 anos do barrio da Anunciada, ou o acondicionamento do Camiño dos Eidos en Baíña. Facer importantes investimentos nestes barrios é unha das grandes apostas do equipo de goberno, por iso contémplase para eles un plan de mellora de camiños municipais, melloras na iluminación con cambios de luminarias por tecnoloxía led, proxectos de saneamento, pavimentación de vías públicas ou rehabilitación do patrimonio.