Spain SailGP Team recibirá en Baiona o Premio Nacional de Vela ao equipo e proxecto innovador

Son os máis novos da competición, os únicos que teñen como CEO a unha muller e a tripulación con máis atletas olímpicos a bordo. Así é, a grandes liñas, o Spain SailGP Team, o equipo español que compite no SailGP a bordo do catamarán F50 Victoria e que o próximo mes de setembro recibirá en Baiona o Premio Nacional de Vela Terras Gauda ao equipo e proxecto innovador.

Nas súas filas atopamos a algúns dos regatistas españois máis destacados da actualidade. Oito homes e dúas mulleres con experiencia nas principais competicións de vela internacional, como os Xogos Olímpicos, The Ocean Race ou a Youth’s America’s Cup. Son Jordi Xammar (cana), Phil Robertson (cana), Florian Trittel (trimmer de maior), Diego Botin (controlador de voo), Mateu Barber (grinder), Joan Cardona (grinder), Ñeti Cuervas-Mons (grinder), Lucas Trittel (grinder), Tara Pacheco e Andrea Emone, as dúas mulleres que se incorporaron ao “Women Pathway Program” creado por SailGP para a muller.

Á fronte de todos eles, a directora do equipo María del Mar de Ros, a única muller con posición de máximo liderado na prestixiosa competición mundial. Será precisamente ela a encargada de recoller o galardón a noite do 4 de setembro no Monte Real Club de Yates, onde en 2017 recibiron o seu primeiro premio nacional por outro gran proxecto, o Spanish Impulse Team da Red Bull Youth America’s Cup.

O Premio Nacional de Vela Terras Gauda ao equipo e proxecto innovador pretende recoñecer o impulso que o Spain SailGP Team deu ao panorama náutico español, non só por lograr incluír a un equipo nacional nesta regata de alto rendemento, senón por conseguir tamén que a competición recale en Cádiz, os días 9 e 10 de outubro.

A segunda tempada de SailGP que se disputa na actualidade arrancou o pasado mes de abril en Bermudas e finalizará en marzo de 2022 en San Francisco (EE.UU). Tras pasar por Plymouth (Reino Unido), Aarhus (Dinamarca) e Saint-Tropez (Francia), e antes de recalar en Sídney (Australia), Christchurch (Nova Zelandia) e San Francisco (EE.UU.), a competición fará parada en Cádiz (9-10 outubro).

Alí, coincidindo coa ponte da Hispanidade e dentro da conmemoración do V Centenario da Primeira Volta ao Mundo de Magallanes e Elcano, poderemos ver aos considerados barcos máis rápidos do planeta, capaces de superar velocidades de 50 nós (100 km/h). Serán dous días de competición con tres carreiras rápidas que sumarán puntos para a vitoria final, que outorgará ao equipo gañador un premio de 1 millón de dólares.