Monólogo de Cándido Pazó en Baiona

Cándido Pazó presentará este mércores 14 de agosto o seu monólogo “Candideces” en Baiona, ás 23:00 horas na Praza do Concello, dentro do programa “Baiverán 2019” organizado pola Concellería de Cultura. “Candideces” son esas historias, eses contos, esas lerias… que de tanto acompañalo a un acaban por se converter en parte substancial do teu ser falante, clásicos do teu repertorio conteiro.

“O tranvía de Baiona chocou co barco de Cangas e unha muller que ía dentro perdeu un par de zamancas”. O barco de Cangas pode navegar tranquilo que xa non hai tranvía de Baiona, así que… Así que este mércores 14 irei en coche… e botareille… iso, historias miñas, das clásicas, en fin, candideces…”

Cándido Pazó (Vigo, 1960) é actor, autor e director de escena. Como narrador oral (contos, humor, monólogos…) leva preto de 2.000 funcións desde 1998 e é asiduamente programado en eventos de narración oral de España, Portugal, Polonia, Alemaña, Bélxica, Croacia, Suíza, Colombia, Venezuela, Uruguai, Chile, Cuba ou Brasil.

Pódeselle definir como cómico da palabra pois o mesmo cultiva o conto tradicional, a historia tabernaria ou o monólogo cómico, adaptándose camaleónicamente a cada tipo de programación e público. É autor da maior parte dos seus textos, aínda que tamén os toma da tradición e a literatura. O seu estilo poderíase definir como de “xoglaría da palabra”, fronteirizo entre o oral e o teatral.

Anuncios