Nigrán rende a súa particular homenaxe ao finalista olímpico de 800 Adrián Ben

O Concello de Nigrán rendeu onte a súa particular homenaxe a Adrián Ben, primeiro atleta español finalista olímpico na proba de 800 metros en Tokio. O deportista de Viveiro veranea ininterrompidamente coa súa familia desde hai 20 anos no Cámping Praia América, lugar que mencionou nos medios de todo o mundo xusto despois de acadar a súa flamante quinta posición na carreira e a onde regresou directo desde Xapón. Por este motivo, o rexedor e o edil de Deportes aproveitaron a chegada de Ben ao cámping para trasladarlle persoalmente as felicitacións do Concello e achegarlle o Libro de Honra para a súa firma, ademais de agasallado cunha peza conmemorativa de Nigrán. Ao acto informal acudiron as grandes promesas da Sociedade Atlética Val Miñor e o seu adestrador Óscar Fernández, estes leváronlle unha camiseta actual da carreira popular Nigrán Area que Adrián tantas veces disputou nos seus veráns en Nigrán.

“Adrián fai bandeira do noso municipio alí onde vai e nós tamén presumimos de ser o seu segundo fogar, por iso estamos especialmente orgullosos do seu gran éxito e agradecemos moitísimo que nos mencione polo mundo adiante”, sinalou o alcalde, Juan González.

“Desde que cumprín 3 anos non faltei ningún verán a este cámping, son moi feliz aquí, é a miña segunda casa, teño un grupo de amigos de toda Galicia que nos vemos cada ano e, se non estou adestrando, pasamos xuntos as mañás na piscina e as tardes en Praia América, que me encanta, é o mellor do municipio, o coñezo perfectamente”, explica o atleta, quen actualmente prepara en Nigrán a súa participación o vindeiro xoves en Lausana (Suíza) na liga Diamond, polo que non considera esta estancia concreta como “vacacional”. “Corro pola senda completa do río Muíños que é estupenda, fago un circuíto en L que inclúe o parque empresarial Porto do Molle, e desprázome a Pontevedra para adestrar en pista cuberta”, comenta Ben, quen confesa que só os runners cos que se cruza o recoñecen como o flamante olímpico que é.

“Aquí o coñecemos desde sempre como ‘Runi’ precisamente pola súa afección desde pequeno a correr, o deporte era algo innato nel e todos os rapaces do cámping o querían nos equipos que montaban, chamaba a atención. Son unha familia estupenda e estamos moi orgullosos da súa fidelidade”, explica Javier Míguez, director desta instalación.

“Nas miñas vitorias intento acordarme de todo o mundo e Nigrán é unha parte moi importante da miña vida, son moi feliz aquí”, engade o atleta e estudante de fisioterapia na Universidad Camilo José Cela de Madrid. “Tiven que deixar a complutense porque non me daban facilidades, non consideraban os adestramentos como motivo para trocar as prácticas obrigatorias, por exemplo, así que este curso me cambiei e estou feliz”, finaliza Adrián, quen agarda superar as súas marcas e facer aínda máis Historia no atletismo español.