
O Concello de Nigrán abre desde mañá 9 de febreiro e ata o 18 de febreiro o prazo de solicitude de axudas para o quinto plan municipal destinado a paliar os efectos do Covid-19 no sector das perruquerías, estética, academias e librarías. A este fin ten consignados 51.526 € procedentes dunha subvención da Deputación de Pontevedra dirixida a aliviar a situación económica dos sectores máis afectados pola pandemia, que percibirán 1.200 € por negocio.
O Boletín Oficial da Provincia (BOPPO número 26) publica hoxe as bases específicas deste quinto plan municipal, estando tamén penduradas na web municipal. A técnica de Emprego do Concello de Nigrán resolverá as dúbidas de cada posible beneficiario e asesorará sobre a documentación precisa. O contacto é no 986365000 (extensión Emprego), presencialmente ou no correo m.jose.vazquez@nigran.org.
Con este quinto plan, o Concello de Nigrán convértese nun dos máis proactivos de Galicia ao respecto ao sumar un total de 341.000 € en axudas municipais (anteriormente foron para os sectores hostaleiro, do taxi, hospedaxe, mariñeiro e centros de rendemento deportivo, sumando en total 290.000 € en catro convocatorias diferentes).
“No caso de perruquerías e centros de estética, son negocios que ademais de sufrir os peches e limitacións levan tempo pedindo ao goberno central unha rebaixa do IVA precisamente pola crise que están a sufrir. Paralelamente a estas subvencións, desde o Concello continuamos co noso esforzo por promover o comercio de proximidade entre a veciñanza como xeito de vida e de municipio sostible”, argumenta o alcalde, Juan González.
Como nos anteriores plans, as axudas son de 1.200 € para cada establecemento e concederanse ata o esgotamento de fondos aplicándose o criterio de orde de entrada no Rexistro Municipal. Igualmente, resulta compatible con calquera outra subvención, sexa da administración que sexa.
Concretamente, as bases desta convocatoria indican que os beneficiarios son microempresas, pequenas empresas ou autónomos incluídos nos epígrafes de salóns de perruquería e institutos de beleza (972), maquilladores e esteticistas (877), ensinanza non regrada de formación (932), persoal docente de ensinanzas diversas (826) e comercio polo miúdo de libros, xornais, artigos de papelería e escritorio e artigos de debuxo e Belas Artes (654,4). Considéranse micro empresa ou pequena empresa aquelas que contan con ata dez persoas e non superen o millón de euros de importe neto de cifra de negocios.