
Os vindeiros días 2 e 3 de agosto a Asociación Miñorana de Emerxencia Social organizará en Baiona a primeira edición das Xornadas pola Solidariedade. Este evento servirá como presentación dunha asociación que nace co fin de axudar de xeito directo a persoas ou familias en risco. Serán dúas xornadas repletas de actividades diversas como música en directo, teatro, circo, artesanía, obradoiros ou “mercadillo” nas que todas as participantes colaborarán sen ánimo de lucro co único fin de recadar cartos para quen máis os necesita.
Esta primeira edición está enfocada no caso dunha familia moi vencellada á vila de Baiona que está a pasar por unha durísima situación. O pasado mes de xuño o pequeno Elián, de tan só 4 anos, foi ingresado na UCI do Álvaro Cunqueiro onde lle confirman que ten un linfoma de Burkitt en estado avanzado. A familia entrégase por completo ao coidado do seu pequeno sen ter tempo nin forza para nada máis… co negocio familiar pechado pola crise da covid, sen ingresos regulares e á espera dunha resolución dunha RISGA que nunca chega afrontan unha realidade económica moi complicada. “Nós non podemos permitir que se sintan soas, porque non o están. Aquí está o pobo para apoialas e axudalas, aquí está a solidariedade do Val Miñor”, afirman.
“En pouco días mobilizámonos, formamos unha asociación e bosquexamos unhas xornadas para recadar fondos, organizámonos, compartimos ideas, e aquí estamos… nerviosas, emocionadas e decididas a traballar man a man con artistas, artesás, hostaleiras e pequenos comercios da comarca co único fin de poder axudar a Elián e á súa familia. Nacemos co orgullo do pobo que salva ao pobo, ca forza da colectividade e coa esperanza intacta entre as mans”, destacan desde a Asociación.
Todos aqueles que desexen colaborar poden facelo acudindo ás xornadas, compartindo o cartaz, animando a outras persoas a acudir, facendo unha doazón ou escribindo con calquera idea a emerxenciasocialvalmi@gmail.com.