Esther Muñoz, adestradora de Liga Feminina 2 en Maristas Coruña, clausura o campus do CB Nigrán

O concelleiro de Deportes, Luis Sanromán, pechou hoxe no pavillón deportivo de Panxón o campus que o CB Nigrán organizou en colaboración co Concello, quen proporcionou a merenda diaria para todos os nenos e nenas participantes.

O CB Nigrán finalizou unha semana de campus no que os participantes gozaron de diversas actividades en torno ao baloncesto, o eixo central do mesmo, pero desde o club entenden que é esencial ofrecer aos nenos outras propostas, por iso organizaron actividades diferentes como multideporte (balonmán, béisbol, rugby, tenis, pádel, hóckey, voleibol e bádminton), deporte adaptado (baloncesto, voleibol, goalball, fútbol sala e deportes de raqueta), ximkana temática Space Jam e diferentes xogos con area e auga que desenvolveron na praia (paracaídas e frisbee entre outros).

Ao longo de todo o campus os nenos e nenas participantes gozaron tamén dunha sala de xogos populares e alternativos (twister, a ra, lanzamento de latas, diábolo, dominó, cubo de rubik ou zancos, entre outros).

Para o desenvolvemento de todas estas actividades o CB Nigrán contou coa colaboración de todos os seus adestradores entre os que se atopan licenciados en INEF, monitores de tempo libre e adestradores superiores de baloncesto. Pero contaron tamén coa colaboración de persoal externo ao club como Javier Torres, licenciado en Enxeñería que levou a cabo unha actividade na que unificou baloncesto e xeometría e tamén coa adestradora de Liga Feminina 2 Esther Muñiz, que desenvolveu, nesta última xornada, unha sesión de tecnificación para traballar desbloqueo de boneca, progresión metodolóxica do paso cero e exercicios para mellorar as finalizacións preto do aro e saídas e apoios.

Na cerimonia de clausura entregouse a todos os nenos e nenas un diploma acreditativo de participación e mochilas e gorras achegadas polo Concello, así como un pequeno detalle a todos os profesionais responsables das diferentes actividades do campus. A Directora Deportiva do CB Nigrán, Nuria Gómez Domínguez, destacou o bo ambiente experimentado durante a semana entre participantes e monitores e a boa disposición dos nenos para participar nas diferentes actividades programadas. Tamén sinalou que a acollida ao campus foi moi satisfactoria, dado que se trataba do primeiro verán tras o confinamento do ano pasado.