Arranca en Porto do Molle a sexta edición da Business Factory Auto

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, apelou onte á visión de equipo coa que naceu a Business Factory Auto (BFAuto) para afrontar o marco de oportunidades que traen os fondos europeos para o sector da automoción e avanzar cara a unha mobilidade sustentable, segura e conectada.

Conde participou este mércores en Porto do Molle (Nigrán) no acto de lanzamento da sexta convocatoria desta aceleradora especializada no sector da automoción, que ten a súa convocatoria aberta para a inscrición de proxectos ata o vindeiro 23 de setembro. Ata o de agora, as cinco edicións que se levan desenvolvido deron lugar á creación de 53 novas empresas das que o 7 por cento xa exporta os seus produtos ou servizos. Tamén permitiu crear 450 novos empregos e as cifras de facturación acadan os 80 millóns de euros. Foron, ademais, 84 os proxectos participantes nas cinco convocatorias celebradas, dos que un 75 por cento xa está realizando pilotos en empresas do sector.

Segundo dixo, o lanzamento da sexta convocatoria coincide nun momento clave para o sector, porque a mobilidade avanza cara a novos medios, que están nas enerxías alternativas; novos usos, arredor de todos os avances da condución autónoma; e novos modos, que son os que ofrece o vehículo conectado. Ao respecto, apuntou que entre os moitos proxectos que se foron forxando ao abeiro desta aceleradora queda constancia de cara a onde se dirixe o futuro do sector: a dixitalización e a sustentabilidade.

O vicepresidente económico recoñeceu que a BFAuto é unha suma de esforzos —entre a Xunta, o Consorcio Zona Franca de Vigo, Stellantis, Ceaga e o retos de empresas do sector— para promover o emprendemento e a innovación nun sector estratéxico na economía galega. Nese sentido, agradeceu e puxo en valor o nivel de proactividade e de implicación de todas as partes.