O PP de Baiona asegura que o Concello devolveu o 80% dunha subvención para axuda a domicilio

O Partido Popular de Baiona asegura que o goberno local devolve á Deputación o 80 por cento dunha subvención recibida en 2020, en plena pandemia do Covid-19, e destinada ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Aos populares resúltalles “sorprendente” que un Concello rexeite 18.796 dos 24.268 euros concedidos polo ente provincial para un servizo especialmente importante neste momento e que tantos maiores e as súas familias necesitan e demandan para mellorar a calidade de vida das persoas dependentes.

As propias bases da axuda recollen que, de non gastarse este diñeiro neste fin e no prazo establecido, as administracións locais están obrigadas a reembolsarlle novamente a cantidade sobrante á Deputación. “Como é posible que o goberno local non fora capaz de poñer en marcha iniciativas destinadas a satisfacer as necesidades dos nosos maiores a pesar de ser un dos sectores máis castigados polo virus do Covid-19?”, pregúntanse desde o grupo municipal popular que cre que é obrigación dos gobernantes dun Concello empregar adecuadamente o diñeiro concedido por outras administracións para ofrecer mellores servizos aos cidadáns.

Así, desde o PP baionés emprazan ao goberno tripartito a explicarlle ás familias e aos propios usuarios e usuarias do servizo de atención a domicilio o motivo polo que se viron privados deste beneficio que podería supoñer esta inxección de 18.796 euros na súa calidade de vida durante 2020.